Fernando Abraldes: «A indefensión do doente nestes casos é absoluta»

La Voz

CARBALLO

19 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes do CHUS, asegura que a maioría dos doentes rexeitan a derivación.

-É precisa a concertación?

-Mentres a situación de lista de agarda tan elevada se manteña, a sanidade seguirá sendo un negocio para os operadores económicos privados. Para nós esta situación non é admisible porque non é ético facer negocio coa saúde, e porque na sanidade privada non prima a calidade asistencial, senón a conta de resultados.

-Atópase o doente indefenso?

-A indefensión nestes casos é absoluta. Ao paciente comunícaselle telefonicamente, sen que o interlocutor se identifique e sen que se grave conversa, que pode ter cita para ser atendido nun centro privado concertado, pero non se lle informa das consecuencias que se derivan de non aceptar a asistencia. Os pacientes somos gravemente penalizados cando rexeitamos unha atención nun centro privado. Pasamos a engrosar o que se denomina unha lista non estrutural onde se perde a garantía de atención nos tempos máximos de espera.

-Hai moitas negativas?

-O Sergas non publica datos. No 2010 o Consello de Contas fixo un informe de fiscalización no que se reflicte que o 81 % dos doentes que están na lista non estrutural rexeitaron ir a un concertado.

Abraldes lamenta que nin se publiquen datos da lista non estrutural do Sergas.