Unha oración para o vello río

Vicente de Lema

CARBALLO

13 nov 2018 . Actualizado a las 00:43 h.

A auga pode provocar desgrazas, pero tamén é un espectáculo. Ten un atractivo, un vencello coa fermosura. A Carballeira de Baio era antonte un bosque inundado. Unha paisaxe única. Un podía navegar coa vista entre carballos centenarios. E había que ver como baixaba o río polo Mosquetín. Ía fuxido. Descendía con tal violencia que un podía contemplar ese fluído enérxico durante moito tempo, como hipnotizado fronte a un espectáculo excepcional que só é posible cada certo tempo e que se enmarca nunha paraxe elixida como un extraordinario galardón para a nosa terra. Coincidía neses intres unha visita dos viaxeiros do Seminario de Estudos Comarcais que deran en encontrarse nese lugar para reflexionar sobre as súas andanzas do seu último percorrido, o que fixeron o pasado verán polo norte de Italia. Un grupo de profesionais do ensino, na súa meirande parte, sempre inquedos por saber e por intercambiar coñecementos e experiencias enriquecedoras para trasladarllas aos seus alumnos ou á sociedade. Unha especie de vicio insaciable ou teima por coñecer os secretos do entorno e do mundo. Un gorento ditoso do que sempre hai terceiros que saen beneficiados. Semellaba que o río quería agasallar co seu espectáculo tanta curiosidade. E os vellos batáns, desbaratados, esquecidos e abandonados durante moito tempo, están agora florecentes. E así bateron de novo, como con algarabía pola felicidade do espectáculo natural. É a grandeza do río. De feito, o propio Seminario ten a punto de publicar un libro sobre a arteria soneirá. Como unha oración ao vello leito fluvial.