«Temos esa mala costume de comer, polo que hai futuro para o gandeiro»

L. García / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

miguel souto

O lalinense Avelino Souto, agora presidente do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, estuda un ciclo superior de gandería no centro coristanqués EFA Fonteboa

06 nov 2018 . Actualizado a las 10:24 h.

Avelino Souto proclamouse Campión de España de manexo de novillas cando tiña só 15 anos. A día de hoxe, con 20, é presidente do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, e durante catro anos estará ao fronte da entidade. Estudou no centro de formación rural EFA Fonteboa un ciclo medio de produción agropecuaria, e agora fórmase nunha FP superior en gandería. Avelino participou na sección semanal Voces do Agro -de Radio Voz Bergantiños- na que colabora Luís García.

-¿Hai esperanza para o rural?

-Eu creo que ten moitísimo futuro, e o que diga o contrario non é consciente do montón de posibilidades que hai no rural.

-É dende hai uns meses presidente do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. ¿Hai moitos mozos que se dediquen a isto?

-Hai xóvenes gandeiros en Galicia, pero hai poucos. Por iso é importante que os poucos que son, que estean ben coidados, apoiados polas institucións e diferentes organismos, e, sobre todo, formados. Isto último é moi importante, pese a que se trata dun aspecto que estivo esquecido.

-¿Quen integra este club?

-Pois esta entidade existe dende o 2010 e xurde da idea de varios mozos, que eran amigos e participaban en concursos de vacas de leite. Vían que por aquí hai agrupacións de mozos que xogan ao fútbol ou que teñen un interese común, e tamén que noutros países (como Estados Unidos ou Canadá) si existían clubs de mozos gandeiros. Así xurdiu a idea. Eu fíxenme socio ao ano seguinte ou de alí a dous anos [cando se constituíu Avelino tiña soamente 11 anos].

-¿Qué obxectivos teñen?

-Naceu por todo o tema dos concursos, pero tamén de cara á formación da xente nova. Facemos cursos de moitos tipos: de xenética, de xestión... Outro aspecto representativo son as diferentes viaxes que facemos, para coñecer outros modelos e conseguir outra visión do rural.

-Galicia ascendeu un posto e sitúase agora na oitava posición de rexións produtoras de leite. Porén, segue presentándose cara á sociedade como un sector moi pouco atractivo.

-É moi triste que se siga tendo en Galicia -e tamén en España- esa visión tan degradada. Xa non nos podemos comparar con Canadá, porque nos levan 50 anos de adianto, pero en países veciños como Francia, Portugal, Alemaña ou Holanda hai un sentimento de orgullo polo feito de ser gandeiro, e a sociedade respéctaos. Presumen de selo. Aquí chega a ocultarse por vergoña.

-Porén, as explotacións menos eficientes xa foron pechando. Hoxe en día van quedando as máis profesionalizadas.

-A pesar de que cada día as explotacións sexan máis eficientes e teñan grandes investimentos, por norma xeral queda aínda moito por traballar nesa imaxe.

-Pese a que os tempos avanzan cara ás sociedades, o certo é que o que máis predomina é un modelo de explotación familiar. Dentro deste último grupo, ¿Cal sería o subtipo máis rendible?

-Eu creo que non hai un modelo único, senón que dependerá moito de cada familia. No noso caso temos unha explotación pequeniña, na que, de media, muximos entre 40 ou 50 vacas. Para o ano farei a miña incorporación e dobraremos as vacas en muxidura. A idea é traballar os tres [el, xunto cos seus pais], e nun futuro crecer un chisquiño máis para poder permitirnos ter un obreiro e ter algo máis de liberdade e facer quendas de libranzas.

-¿Qué lle diría a un mozo que, pese a crer nas posibilidades que ofrece o rural, o seu entorno o empurra cara outro sector?

-Diríalle que non faga caso desa frase que seguramente lle dirán: «Iso [as vacas] sempre vai estar aí». Se ten 15 ou 16 anos que enfoque os seus estudos cara ese ámbito. As explotacións necesitan xente formada, porque non deixan de ser empresas que moven unha gran cantidade de cartos. E iso de que non hai futuro... A xente temos esa mala costume de comer [ri], polo que gandeiros e agricultores van ter sempre un futuro garantido.