«Ao contratar debe haber equilibrio»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O empresario carballés di que non se pode primar só o prezo á hora das licitacións públicas, tamén a calidade

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Vázquez Reino (Carballo, 1974) é o presidente da Asociación de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco), unha entidade da que forman parte 170 empresas, entre elas as máis importantes do sector, con moitas actuacións en Galicia, o resto de España e tamén fóra. Tamén é directivo da Cámara de Comercio e presidente da comisión de infraestruturas desta entidade, ademais de vicepresidente da Federación Galega da Construción. E, sobre todo, xerente de Ramón Vázquez y Reino, unha empresa con 75 anos de existencia, que leva xunto aos seus dous irmáns, e que ten uns 70 empregados. Traballan en toda Galicia e tamén fóra, sobre todo obra pública, pero tamén privada.

-Vostede critica que se prime só o prezo nas licitacións.

-Nun contexto no que as Administracións locais pasaron e ter déficits e débedas grandes, a remanentes e resultados positivos, non se entende que se primen os investimentos de maneira que o prezo sexa o definitivo, cando a Administración non está para iso. Ten que haber un equilibrio económico.

-¿E como se fai?

-Temos unha lei de contratos que está virxe, e que é interpretativa. Hai que interpretar e definir certos aspectos. E, levado á práctica, hai interpretacións moi dispares. A da Xunta é clarísima a favor da relación calidade-prezo, e ten ese equilibrio, e a da Deputación, que é o órgano tutelante de case todas as Administracións locais, que é distinta. E hai moitos concellos que copian o discurso, e ás veces por comodidade ou prontitude á hora de investir provocan que as condicións de contratación non sexan as axeitadas.

-Priman o prezo sobre todo.

-Na maioría dos casos. E atopámonos na Costa da Morte concellos nos que iso non pasa, e outros que si pasa: prezo por riba de todo.

-¿E a efectos prácticos?

-Ter en conta só iso, a antiga subasta, é o peor dos procedementos. Non tes maneira de controlara boa execución e a boa praxis. Si na obra, pero non no proceso de contratación. Con estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais, xa case podes presentarte a un concurso. E a ninguén se lle escapa que un investimento público, que é un servizo público, ten que facerse coas maiores garantías para o resultado que é para disfrute de veciños. Por iso é necesario o equilibrio. Ademais, non esquezamos que as empresas de construción pasamos unha crise enorme. Temos un mérito e podemos estar orgullosos, porque melloramos moitas cousas, profesionalizamos máis o sector, introducimos as novas tecnoloxías e formamos máis ao persoal. Polo tanto as condicións laborais e económicas teñen que ser as idóneas. Por iso avogo pola relación calidade e prezo, cunha ponderación da parte técnica e a económica. Así habería ese equilibro que buscamos.

-¿Pero daquela vai depender dos concellos?

-Neles pódese arranxar, non hai falta de cambiar a lei. Xa conseguimos da Deputación abrir un pouco os criterios de valoración á decisión do propio órgano local e dándolles a madurez que os concellos pedían.

-¿O problema de fondo non está nas empresas que baixan demasiado a súa oferta?

-Non. Iso é algo que tamén nos din dende a Administración moitas veces. Pero poño un exemplo: Se vas por unha estrada urbana e non hai sinal de 50, ¿a canto vas? As normas son necesarias. E se hai normas, hai que adaptarse a elas. Se non as hai, algunha empresa -pola circunstancia que sexa- , pois igual si fai esa redución se o prego o permite. Pero ningunha quere unha rebaixa dun 35 ou 38 %.

«A falta de man de obra é un dos problemas máis graves do sector»

 

 

Na actualidade hai algo máis de carga de traballo, e máis diversa, con iniciativas industriais ou as derivadas do canon eólico.

-¿Hai persoal abondo? Tempo atrás falaba de que falta.

-Agora é un dos problemas máis graves que ten o sector, a falta de man de obra. Especializada, sobre todo. A xente que temos máis especializada estase retirando ou a punto de facelo, e a taxa de reposición é moi baixa.

-¿Por que?

-Dun tempo para aquí, o sector deixou de ser atractivo para a xente nova. Se cadra está moito máis formada e ve noutros ámbitos unha saída. E eu animo a que vexan a construción como un sitio onde formarse e desenvolver unha profesión. É un sector que cambiou moitísimo nas condicións laborais. A introdución de novos equipos de traballo, a profesionalización, as condicións laborais, fan que non teña esa carga tan forte física que había. As condicións son moito máis favorables.

-¿Como se fai esa formación?

-O polo de inserción debía estar na Fundación Laboral da Construción, que para iso se creou. E ten as instalacións adaptadas para iso. Nós, en Apecco, temos unha bolsa de traballo propia, para as nosas empresas, e chequeamos a persoal, teña a formación que teña. Nós tamén lla damos, por exemplo en riscos laborais, e formámolos profesionalmente. As empresas xogan un papel relevante, porque teñen que apostar por esta xente e iso necesita tempo. Ata agora non podían pola crise, pero agora é moi necesario.

-¿Funcionan esas bolsas? ¿Que xente se apunta?

-A bolsa da nosa empresa é de 200 traballadores, ou cento e pico. E é moi raro atopar un demandante de emprego de menos de 35 anos. E falo cos meus compañeiros, e é o mesmo. É algo xeracional. As novas xeracións non o ven atractivo, non sei se tamén pasa con outras de traballo físico. Hai moita demanda na actualidade. Non é un bum, pero hai traballo. E as empresas son menos, e os traballadores, tamén. É un dos principais problemas que temos. E o outro, o da rendibilidade.

-¿Volverán os tempos do bum?

-Non, non queremos un bum que provoque outra burbulla. Só que se regule ben e que o sector teña o rango que lle corresponde.

-Por certo ¿cando rematarán as obras da rúa do Sol?

-En novembro estará practicamente rematado.

-Xa levan moitas obras en Carballo. ¿Que supón iso?

-Un orgullo. Non renunciamos á nosa orixe, somos unha empresa eminentemente carballesa e iso promulgamos. Vives aquí, cohabitas cos veciños, e é satisfactorio ver o resultado do ben feito, dá gusto que nos valoren en toda Galicia e aquí.

«É moi raro atopar un demandante de emprego de menos 35 anos»