A nova lei de contratos: o barato sae caro

Diego Vázquez Reino LA OPINIÓN DEL EXPERTO

CARBALLO

25 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A entrada en vigor da nova Lei de Contratos o pasado 9 de marzo está a xerar bastante controversia entre as distintas Administracións (maiormente locais), empresarios e axentes sociais .

Todos os que participamos dunha ou doutra maneira nun proceso de contratación pública sabiamos con antelación da entrada en vigor deste novo instrumento normativo, provocado en gran medida polas advertencias da Unión Europea para que España adaptara os ditames deste organismo en materia de contratación.

Basicamente os piares nos que se sustentou esta nova lei son a transparencia, a igualdade de oportunidades, a inclusión de medidas de carácter social... pero non debemos esquecer que un dos primeiros preceptos esbozados na mesma é a adxudicación ás ofertas coa maior relación calidade-prezo. Dende o sector que represento cremos firmemente que non se está a cumprir de ningunha maneira en moitos dos organismos públicos contratantes, con especial relevancia na nosa zona da Costa da Morte.

Os departamentos técnicos están a interpretar este punto de maneira errónea, ao noso entender, xa que consideran que na relación calidade?prezo debe primar única e exclusivamente o prezo.

A ninguén se lle escapa que calquera obra ou servizo público que se preste debe de facerse coa mellor das garantías de eficiencia, calidade e responsabilidade social, medioambiental e laboral. A esixencia da oferta económica como valor determinante é un dos grandes problemas que estamos a sufrir as empresas contratistas de obra pública, que xa soportaron unha longa crise e que foron quen de afacerse aos novos tempos, profesionalizándose, adaptándose ás novas tecnoloxías e, por que non dicilo, mantendo a todo o seu persoal laboral, formándoo e mellorando moitísimo as súas condicións de traballo.

Pero todo isto, a actividade económica, a creación de emprego (estamos a ser un dos sectores máis ofertantes) e o compromiso social que achegan as nosas empresas estase a ver afectado pola moda de baixar ao máximo os prezos sen entender que o barato finalmente sae caro.

Dende Apecco levamos uns anos facendo fincapé ante as distintas Administracións sobre esta problemática e outras que padece o sector da construción, sempre de maneira construtiva e colaborando activamente na procura de solucións. O compromiso acadado co goberno da Deputación, que ten un papel fundamental nas inversións anuais dos concellos, é a de atopar unha solución definitiva aos puntos de maior conflitividade que xera a aplicación da nova lei de contratos. Xuntos: representantes públicos, técnicos, empresarios e axentes sociais conseguiremos un escenario para que no futuro as contratacións das inversións públicas locais xeren oportunidades e benestar para toda a sociedade.