Para chegar a vello hai que ler

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

25 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O titular vai con retranca... ou non! Non hai afán científico (non pode habelo), pero si vai por diante a miña experiencia. Teño escrito moreas de reportaxes sobre os máis vellos da Costa da Morte (sempre no top autonómico), e bastantes veces de toda Galicia, dende hai máis de 20 anos. Cadroulle así, tamén é algo que me gusta. Teño falado e estado con eles en ducias de casos. Non me atrevo a dicir centos, pero non lle anda lonxe. De ata 113 anos, e de aí cara abaixo, por iso digo a miúdo que os de 105, para min, son aínda moi novos.

Con estes antecedentes, algunha idea me vou facendo de como son, de se hai patróns comúns ou non, máis aló de que cada caso é un mundo: a xenética, a vida tranquila, a sorte, a ausencia de mala sorte, a casualidade... Durante uns anos coincidiume ver a moitas lonxevas (o 90 % son mulleres) que non tiveran fillos, ou quedaran solteiras, pero fun vendo que a cousa é máis variada.

Agora mesmo, se teño que atopar un rasgo común, é o da lectura. Mulleres e homes de 100 e máis anos que me recibían lendo. E moi orgullosos de poder facelo. Lendo o xornal, as revistas; con gafas e sen elas, lendo. Ata na cama. En moitos casos, lían dende sempre. Non só por matar o tempo, tamén por afán de saber, de estar conectado, e de revolver neuronas. Vin moitísimos casos así (ademais hai fotos).

Non sei, tal vez sexa coincidencia, pero é moita. Pensaba no tema o outro día pola mañá cedo, ao lado dunha muller de 90 anos que cada día, tras erguerse sobre as 7.30, e antes de darlle a auga á vacas, o primeiro que fai é ler o xornal. Estes días, despois, a esfollar.