Traballo voluntario polo ben común

Víctor Lorenzo OPINIÓN

CARBALLO

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Quixemos rehabilitar as paredes con barro de Buño, ocasión para reivindicar e pór en valor un uso xa esquecido deste material máis aló do moldeado e que permitiu o tabicado e revestimento interior da vivenda tradicional galega con excelentes resultados de habitabilidade en tempos en que o clima era ben mais duro. Non deberan en Buño perder de vista esta aplicación da súa marabillosa arxila pola súa capacidade de nivelar superficies, regulación térmica e biodegradabilidade que o converten nun material ecolóxico, sostible e moi recomendable para as paredes das casas, xa que aportan un ambiente moito máis saudable que o cemento e as pinturas plásticas derivadas do petróleo. Agardamos que o Casino1889 sirva de escaparate e anime a empregalo.

Decidimos convocar un obradoiro de bioconstrucción ao que respostaron dúas ducias de persoas entre socias, non socias e membros da directiva. O obxectivo era, ademais de amosar todas as virtudes deste nobre material, abrir as portas a todos os que quixesen participar con nós da construción do Casino1889 e poñer o seu suor e as súas mans naquelas paredes. Porque Casino1889 é iso; un proxecto que mexe o pouso cultural e recreativo co que foi concibido naquel ano, co traballo voluntario polo ben común e a axuda mutua para dar forma a un centro social que sintades no corazón que merece a pena criar entre todos, un proxecto que poidades sentir coma propio e que ten como último fin manter un dos únicos edificios históricos que sobreviviron á especulación na vila e un centro social dende o cal recuperemos a unión da comunidade a través da colaboración e a axuda mutua para levar a termo os proxectos que nos propoñamos e que xurdan das sinerxias que nacen da convivencia diaria e o partillar das nosas inquedanzas.

Dende o primeiro dixemos que o Casino es ti, que o Casino somos tod@s, e iso é o que

buscamos acadar con esta maneira de traballar e de procurar axuda. Pero non só para

dobrar o lombo, senón para poñer o cerebro a traballar en criar actividades que pensades

que se poden desenvolver aquí. E así temos xa a varios amigos colaborando ou liderando o

desenvolvemento de diferentes actividades coma o micro aberto, un proxecto de grupo de

consumo, unha semana de actividades dedicada ós refuxiados, un club de lectura… Porque sós non podemos, con amigos, si, e porque non só se pode ser Casino aportando economicamente, senón axudando a que estea cheo de VIDA. Á grande demostración do poder da comunidade que comezou coas aportacións particulares e que conseguiron 70.000 euros nunha semana para salvar o patrimonio de todos, queremos agora darlle continuidade na participación de todos e todas no proxecto sociocultural. Seguimos a precisar socios, pero non só dos que pagan a cota, que resultan, sen dúbida, imprescindibles, senón tamén dos que se implican en que día a día o Casino se encha de vida. Porque só así poderemos defender o que é patrimonio de todos, se o sentimos coma noso.