«Cando en Moraime hai un hipocausto, é que había unha vila romana potente»

O director da escavación dá conta de como xa nos primeiros días viron restos moi anteriores á época medieval


cee / la voz

O arqueólogo de Cariño Emilio Ramil González, ao fronte de AXA Arqueoloxía, escava por encargo da Consellería de Cultura o entorno de Moraime, onde dá conta dun lustroso pasado romano máis aló do medieval.

-¿É normal atopar xacementos que cubran tantos períodos históricos distintos?

-Non é que non sexa normal. É que non se escavaron moitos xacementos con tanta secuencia histórica. Eu tiven a fortuna de escavar dous ou tres cunha secuencia practicamente dende a época castrexa á medieval. Galicia ten un un proceso histórico nos distintos espazos xeográficos onde sempre se está reocupando o espazo. Ás veces é certo que non dás co xacemento, pero moitas veces cando dás cunha capeliña o normal é que estea situada enriba dun castro, dunha vila romana... Cando Constantino decreta o cristianismo en todo o que entón gobernaba Roma todos os lugares chamados pagáns, como eran as vilas romanas, comezan a cristianizarse. Entón constrúese sobre xacementos romanos ao mellor un cenobio pequeno, unha pequena capela, comeza a ser enterrada alí a xente...

-E particularmente en Moraime.

-O que está pasando en Moraime é que parte dunha vila romana nos seus inicios, entre o século I e o V ou VI, pero que logo continúa no tempo porque alí se establece un cenobio... seguramente empezan a enterrarse; que son as tumbas do século VII-VIII, chamadas en Galicia de época xermánica, que corresponde coa época suevo-visigoda. A partir de aí, ao mellor constrúese unha igrexa máis grande e hai unha prolongación dese uso na época medieval. Este tipo de xacementos en Galicia abundan, escavados hai poucos. O Castelo de Pambre, en Palas de Rei, por exemplo está construído enriba dun castro. Non somos os americanos. Galicia ten unha historia que arranca dende o paleolítico, as mámoas e dolmens, a idade do ferro, época medieval...

-¿Calquera reocupación do terreo implica alteración, non?

-Evidentemente. Hoxe mesmo -falo polo século XX- cando se fai unha casa recupéranse as pedras que merezan a pena da casa que hai ao lado. Incluso fai uns anos, cando non había estas leis, foron recuperadas de murallas de castros, ou de castelos, que estaban en ruínas. Pois naquel momento tamén. Mira o campamento romano de Ciudadela de Sobrado dos Monxes, que tamén escavei. Ten unha ocupación claramente campamental, pero cando hai as invasións xermánicas e vanse. Ese campamento que era todo de pedra, permanente, a poboación que está ao redor reocúpao e emprega a pedra para construír casas. No caso de Moraime e en todos os casos é o mesmo. Todas as culturas que desaparecen son aproveitadas, en canto á materia prima, polas culturas novas

-¿Onde está aquí a singularidade?

-Cando en Moraime hai un hipocausto é que había unha vila romana potente. Un sistema de calefacción, iso é un luxo. Hai moitos tipos de vilas, as que se chaman vicus, que son aldeas galaico-romanas, pero cando se fan autosuficientes, co seu gando e demais, teñen o seu sistema de calefacción, aparecen mosaicos... Aquí non se detectaron mosaicos, pero si ese hypocaustum, que é algo moi luxoso. Non en calquera sitio se monta iso. Entón, seguramente habería unha vila romana autosuficiente. Eu non o sei, evidentemente, polo que levo escavado, pero é de supoñer polos restos deste hipocausto que escavou Chamoso.

«Para nós a importancia está nos datos, pero que dúbida cabe de que a fonte é espectacular e moi significativa»

Ramil espera con ansia chegar ao hipocausto descrito por Chamoso Lamas, pero recoñece que, a nivel monumental, a fonte está chamada a xogar un papel atractivo central en Moraime.

-¿Que importancia ten a información que lles deixou Chamoso?

-Todo o que deixen os nosos antepasados é importante. Certo que non lle podes pedir peras ao olmo. Naqueles momentos escavaban con outros sistemas, tomábanse os datos doutra forma. No artigo que ten no Noticiario Arqueolóxico Hispánico en texto practicamente hai dúas follas. Logo si hai fotografía e algún debuxo, debuxos das tumbas que supoño que serán de Carro Otero, porque era máis de detalle tanto escribindo como en debuxo. Hai iso e unha planimetría, o que pasa é que feita naqueles momentos, nos anos 70. Pero todo isto serviunos de base para situar case con total precisión onde estaba a fonte, por exemplo. Fomos medindo cos técnicos da Xunta case dende o plano reubicándonos dende as esquinas tanto do albergue, que era a antiga reitoral, como da igrexa e situámonos sempre referidos á documentación que nos deixou Chamoso. Son bastante exactos. O texto é moi escaso. Botas en falta, sobre todo, que che fale do material, porque temos uns materiais impresionantes: cinturóns, figuras... todo iso é material do século VII-VIII relacionado coas tumbas e hai material romano: cerámica fina romana, terra sigillata,... Fala moi en xeral. Botas en falta que dea máis datos dese material. É o que facían antes.

-¿A fonte está chamada a ser a xoia do xacemento?

-A ver como está o hipocausto, porque imos buscar a zona do hipocausto, pero xa para eles, no seu momento, era unha construción de tipo monumental. Para nós os arqueólogos calquera resto é igual de importante. A importancia está nos datos que nos dá de como era un pouco a ocupación naquel momento é da cronoloxía e a secuencia histórica que vai a ter. Que dúbida cabe que dende o punto de vista arquitectónico e monumental a fonte é espectacular e, para unha posta en valor, moi significativa, pero vamos a ver o que nos dan as outras catas para ver se conservan algún muro relacionado coa vila romana ou co mosteiro, ou sepulturas que estean sen tocar do século VII e VIII... Vamos a ver como van as escavacións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

«Cando en Moraime hai un hipocausto, é que había unha vila romana potente»