«As baixas que temos son o punto que nos falta para competir mellor»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O técnico, Pedro Gómez, dá as claves para entender a mala racha de resultados que condena ó Soneira ó fondo da táboa, e o presidente, Fernando Rodríguez, apóiao

11 oct 2018 . Actualizado a las 21:31 h.

O Soneira non tivo o mellor arranque de liga con cinco derrotas e só unha vitoria, a primeira, fronte ao Bastavales (1-0). Porén, todo ten un por que. Pedro Gómez Ferreiro (Carballo, 1978), que afronta a segunda campaña consecutiva como adestrador do equipo, explicou onte as claves para entender esta mala racha que os afoga no máis fondo da clasificación.

-¿Que lle está pasando ó Soneira?

-Xuntouse todo: moitas baixas e partidos contra rivais da zona alta da táboa de marcas. Estamos indo só con 10 ou 11 xogadores séniores a cada partido, que tampouco serve de escusa, pero si que é certo que o equipo reséntese, con futbolistas que aínda non debutaron e outros que apenas tiveron minutos, e que nos está custando ser máis competitivos. Pero, tamén o é que o conxunto está adestrando e xogando ben. Mostra disto son os resultados, sempre pola mínima; case todos 1-0, 0-1. Outra pegada é a falta de gol; estamos fallando moito en todos os encontros. Pero, o que está claro é que o equipo vai ir a máis, porque, a parte, está adestrando tres días á semana.

-¿De que baixas se trata e cando se produciron?

-Case ó principio de todo. Por exemplo, Aarón Fernández, lesionouse no minuto 20 do primeiro choque cun corte e, despois, xuntóuselle con motivos persoais e cunha ruptura de fibras no xemelgo, polo que non puido reincorporarse ata a última xornada. Outro caso é Chapela, que aínda non debutou porque xa se lesionou no primeiro adestramento da pretemporada. Tamén está Adra, que xogou un par de partidos forzando, porque estabamos sen xente, o que lle provocou unha escordadura do nocello tremenda na primeira sesión de preparación da pretemporada. Despois, temos a baixa de Álex Figueiras, que deixou o equipo por motivos persoais. César, está traballando fóra. E o último é Samu, que perdeu dous partidos, por lesión, e outro, por viaxe. En total, seis baixas, ó que lle hai que sumar que somos unha plantilla moi curta. Nestes momentos, 16 xogadores, e tirando de tres ou catro xuvenís en cada partido. Pero o ano pasado, tamén acabamos sendo esa cantidade de futbolistas e fomos sétimos.

-O próximo domingo teñen un rival máis alcanzable, o Cordeiro. ¿Será o momento de poñerlle fin a esta mala racha?

-O equipo está sendo moi competitivo en todos os partidos. Incluso contra o Flavia, que foi contra quen tivemos un marcador máis avultado (3-0), estivemos moi metidos durante moito tempo, e fallamos un penalti que faría o empate antes de marchar ó descanso. Isto mesmo é un exemplo do que é a liga, pois ó instante, o porteiro sacou en largo e marcáronnos o 2-0. As baixas que temos son o punto que nos está faltando para poder competir mellor.

-¿Cando vai recuperar a eses xogadores?

-Esta semana espero recuperar a Aarón, que é vital para nós atrás e que o outro día xa xogou 20 minutos, e tamén a Adra e a Samu. Chapela aínda ten para outras dúas semanas, como mínimo. A ver se se van incorporando todos e collendo a dinámica, pois eses nomes son os que lle dan un plus ao equipo.

O técnico conta co apoio do presidente, Fernando Rodríguez

Cando as cousas non van ben, sempre adoita pagalas o adestrador. Porén, o presidente do Soneira, Fernando Rodríguez, entende as circunstancias: «Ás cousas hai que darlle tempo. Queda ter paciencia e que se recuperen todas as baixas. Hai que ser optimista; tampouco se pode un amargar por cinco partidos. Tamén houbo mala sorte cos resultados e cos rivais», expresou onte.