Pedra filosofal

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

10 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Amiúdo bromeamos con iso de que os máis novos xa logo non van saber o que é unha vaca. Polo menos, unha vaca na corte estrada. Nin todo o universo escénico que sempre houbo arredor delas, dende un xugo a unha pioga, dun adival a unha chavella, dunha cabezalla a unha grade. E así, mil cousas. É certo, nunca o saberán. Perderase para sempre a nomenclatura e, o que é peor, o seu tacto, ulido, o xeito de manexar todos eses elementos que durante séculos formaron parte das nosas vidas.

Diso sempre falamos, e mentres o facemos polo menos van aguantando, xa sexa con fotos ou comentarios nas redes sociais, ou nalgúns museos e libros. Algo é algo. Outros non teñen tanta sorte.

Cada certo tempo vou botando de menos as marcas do territorio, que tamén se van. Cada vez que vexo un marco grande teño que retratalo. Alí está, no medio das fincas, abandonado. Quen llo diría, coas pelexas que houbo entre veciños, primeiro, e familiares, despois, para situalo ben, e agora confúndese cunha pedra máis. Éxito e ocaso dunha das pedras filosofais de Galicia. Xa non digo nada dos puntos quilométricos, os moxóns. Eses fitos na beira das cunetas que axudaban a medir distancias sen GPS. Acabarán sendo peza de museo. De camiño a Vilar de Francos hai dous, vellos e ben conservados. A ver o que duran.

E digo menos aínda dos vértices xeodésicos, aí nos picos máis altos. O que máis sabe deles na nosa zona é Modesto García Quintáns. Cada vez que vexo o do Pico de Meda, case entre toxos, estou por abrazalo, pero sempre queda raro, sobre todo se te ven. Iso si que é pasado presente, como o tempo inglés.