Convivir coa pantasma

Carlos Henrique Fdez. Coto ARQUITECTO

CARBALLO

04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O gas radon non é ningún estraño para os galegos, leva con nós toda a vida, tamén a dos nosos devanceiros, dende que andabamos en taparrabos polos castros. Porque o radon é un gas intrínseco da pedra, e se hai algún lugar na península rico en pedra, é a esquina noroeste. Case podemos dicir que forma parte da nosa identidade.

¿Por que convertemos esta pantasma oculta en tendencia e preocupación en pleno século XXI? Porque mudamos o noso estilo de vida, queremos chegar a vellos e temos máquinas que delatan a súa presenza.

Os recentes estudos científicos son determinantes: o incremento dos tumores cerebrais apunta ao radon como culpable, como segunda causa de cancro de pulmón, tralo tabaquismo.

Para quen aínda non o saiba, o radon é un gas radioactivo -orixinado pola descomposición do radio- que está presente no granito, a pedra propia de Galicia.

Levamos centos de anos vivindo sobre a pedra, incluso dentro dela, pero varios factores mudaron e o que nunca foi unha preocupación para os galegos.

De sempre, os galegos construímos potentes casas de pedra con muros dun metro de grosor, pero a súa construción impedía que o radon quedara no interior porque entre piso e piso había madeira e as xanelas tamén o eran. Ademais, todo o tellado era de estrutura de madeira, polo que o gas atravesaba a casa e fuxía sen deixar rastro. Eran casas ventiladas, saudables.

Construíndo vivendas estancas

Pero levamos cincuenta anos construíndo vivendas estancas, con placas de formigón entre piso e piso, incluso moitas delas con placa no tellado, con carpintarías herméticas de plástico ou aluminio, casas nas que o radon se sinte cómodo e quédase a vivir con nós, non lle deixamos que saia ao exterior.

Por se nos parecía pouco deixar o gas a vixiar a nosa casa, o noso estilo de vida tamén inflúe moito, porque os vellos pasaban case todo o día nas leiras, levaban unha vida máis saudable, e unicamente estaban na casa pola noite, previo acendido da lareira.

Non había televisión nin aparellos electrónicos que nos aparvaran dentro dunha caixa. A vida era máis colectiva, facíase no espazo colectivo, e os cativos pasaban todo o día fóra das casas.

Hoxe pasamos moitas horas na casa e levamos vidas individualistas convivindo coa pantasma, respirándoa.

Agora que os científicos atoparon o culpable, estúdanse medidas para evitar o alto índice de mortalidade por mor do asasino oculto.

Non é preciso deseñar complexos sistemas de evacuación, senón usar a experiencia dos vellos volvendo a usar a madeira como material básico e deixar de fabricar caixas estancas e mortais.