«O que máis preocupa aos usuarios é intentar aforrar algo na factura da luz»

Verónica Couto / Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O técnico formador de Energal, Daniel Varela fala das principais dúbidas dos clientes e das condicións do novo bono social eléctrico

02 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Recentemente coñecíase que dúas mil novas familias da Costa da Morte se poderían beneficiar de importantes descontos na súa factura de electricidade grazas ás modificacións introducidas polo Ministerio de Industria no coñecido como bono social. Unha cifra que podería aumentar, pois o prazo para acollerse a estas axudas finaliza aínda o próximo 8 de outubro.

Estas modificacións suscitaron moitas dúbidas entre os usuarios, e por iso se están a celebrar charlas informativas por toda Galicia. O carballés Daniel Varela, técnico formador de Energal, é un dos encargados de impartir estas sesións, que serán especialmente intensas no mes de outubro. El mesmo contaba en Radio Voz Bergantiños que, só nesta semana, se desprazarían a Oroso, Valga, Taboadela e Burela, pois este tema suscita un gran interese.

-¿Que é exactamente o bono social e que descontos contén?

-É unha axuda establecida polo Goberno e as compañías distribuidoras de corrente para os clientes máis desfavorecidos. Antes consistía nun 25 % de desconto do consumo e da potencia, e agora mudouse por unha porcentaxe variable dun 25 ou 40 %, en función dos posibles de cada un.

-Coñecéronse recentemente varios cambios que afectan a esta axuda. ¿Cales son?

-Hai uns anos tiñamos establecido un bono social que a moitos clientes lles entrou de xeito automático se tiñan unha potencia contratada de menos de 3 quilovatios, pero déronse conta de que non estaba enfocado aos consumidores con verdadeiras necesidades, digamos que non estaba ben repartido. Deste xeito, decidiuse que había que mudar as bases desta axuda e que todo o mundo tería que facer borrón e conta nova e volver solicitala. Ata abril foi o primeiro prazo, pero houbo tal avalancha, que se ampliou ata o mes de outubro.

-¿Quen pode solicitalo?

-Nun principio pode acollerse calquera cliente, sempre que cumpra uns requisitos, centrados sobre todo no nivel de renda. Tamén as familias numerosas poden obter este bono, independentemente dos seus ingresos, e hai, asimesmo, apartados para persoas con diversidade funcional, vítimas de violencia de xénero, vítima de terrorismo, etc.

-¿Cales son os prazos?

-Pois, como comentei, debido á alta demanda, ampliouse o prazo ata o 8 de outubro. Quen se estivese beneficiando deses descontos e para esa data non teña feita a solicitude, deixaría de gozar do bono. Non pasaría nada, porque se podería volver a solicitar. Aínda así, é recomendable facelo antes desa data para non ter períodos de facturación sen bono.

-Moitas dúbidas están a suscitar estas mudanzas nas bases da axuda. ¿Hai charlas informativas?

-Si, nós estamos impartindo unhas sesións que forman parte da Escola de Enerxía da Fundación Naturgy, antiga Gas Natural Fenosa. Son charlas polos distintos concellos de Galicia, aínda que tamén se cubre Madrid, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Andalucía. Informamos tanto aos traballadores sociais dos concellos, como aos propios usuarios. Tamén colaboramos con entidades como Cruz Vermella ou Cogami, que teñen trato directo co cidadán.

Nestas sesións falámoslles dun aspecto que é importante, como é a factura. É importante entender ben o desglose e todos os seus conceptos. Moita xente tamén descoñece que hai dous mercados -un libre e outro regulado polo Goberno- e o importante que é saber en cal dos dous se está, pois, aínda que non é habitual, poden xurdir complicacións debido a iso. A veces poden aparecer sorpresas desagradables.

-¿Que outras dúbidas adoitan ter os usuarios?

-Primeiramente, se cumpren ou non as condicións para ser beneficiarios. Neste caso remitímolos aos servizos sociais para que os informen do seu caso concreto. Soe tamén haber dúbidas sobre a tarifa: se teñen contratada unha normal ou unha de discriminación horaria, coñecida como nocturna. Sobre todo, o que interesa a todo o mundo é intentar aforrar algo no custo final da electricidade.