Un outono para vivir o patrimonio en Cabana

Literatura, música, educación, paisaxe, solidariedade ou gastronomía aglutínanse nunha programación que encherá os vindeiros meses de outubro, novembro e decembro. Deputación e Secretaría Xeral de Política Lingüística colaboran co Concello cabanés nas distintas actividades


CARBALLO / LA VOZ

O patrimonio é motivo de festa en Cabana no verán e no outono. Todo o ano. Chegado o tempo da recollida de froitos, tamén estes tres meses serán abondosos en actividades e propostas para públicos ben diversos. O Concello, coa colaboración da Deputación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, asume a organización dun programa que se estenderá entre o 2 de outubro, data da primeira iniciativa, ata o 9 de decembro, cerrada a Ponte da Constitución. Educación, danza, música (coral e tradicional por bares e tabernas), literatura, galardóns, paisaxe, romaría, solidariedade (loita contra o cancro), gastronomía e divulgación son conceptos todos eles incluídos nos días de outubro, novembro e decembro que teñen xa preparados en Cabana.

Unha quincena de citas nas que o coñecemento e recoñecemento do propio é unha idea de base. Tamén, a súa posta en valor e a súa difusión entre as idades máis temperás, de aí citas como a Romaría de Outono en San Fins do Castro. Por Cabana irán pasando nas vindeiras semanas moitos referentes dos que tomar nota.

O programa, en detalle

EDUCabana. 2 de outubro, Dombate, 12.00. Presentación da memoria do primeiro trimestre de actividades. Galipat dará a coñecer os resultados do proxecto levado a cabo na antiga escola de Borneiro, reconvertida en Aula Didáctica do Neolítico. Exporanse, tamén, as propostas para este novo trimestre.

Roteiro nocturno. 13 de outubro, Riobó, 19.00. Percorrido pola parroquia de Riobó, con parada no Pozo d’Orca ou na capela de San Brais. Guía Ángel Eiroa. A teatralización correrá a cargo de Iago Espasandín.

Entroidanzas. 17 de outubro, Auditorio, 18.00. Haberá no piso superior do auditorio cabanés unha representación de danzas do mundo. Actividade para público adulto impartida pola agrupación Pés de Lan.

As Nosas Músicas. 20 de outubro, Auditorio, 18.00. Este primeiro apartado de As Nosas Músicas será tempo de corais. Participan as de Canduas, Cesullas e Corcoesto. Un día, pois, para o intercambio polifónico.

Presentación e Premios Dombate. 27 de outubro, Dombate, 17.00. O escritor e exministro de Cultura César Antonio Molina dará a coñecer a súa obra «Todo se arregla caminando»: ás 17.00 horas. Unha hora máis tarde, ás 18.00, entregaranse os Premios Dolmen de Dombate.

Samaín Solidario. 28 de outubro, Praza de Neaño, 15.00. Cita solidaria de outono, organizada pola xunta local de Cabana da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Colabora o Concello. Actividade e animación durante toda a tarde, dende as 15.00 ata as 20.00 horas.

As Nosas Músicas. Sábados e domingos de novembro. Os sábados, pola noite. Os domingos, a mediodía (vermú). Polo mes de Santa Cecilia, o mes da música, distintos grupos percorrerán bares e tabernas de Anos, Beres, Borneiro, Corcoesto, Cundíns e Riobó. Son as formacións Aires do pinar, A ti que che importa, Gaiteiros de Anos, May Way, O Fol, Os Farrapos e O Son do Castro. Integrado no ciclo As Nosas Músicas.

Romaría de Outono en San Fins. 9 de novembro, pola mañá. Nenos de infantil e de primeiro ciclo de primaria do municipio tomarán parte nesta romaría que xa é tradición: un outono en San Fins do Castro que incluirá tren, castañeiro e a música de Cé Orquestra, entre outras cousas.

Presentación literaria. 10 de novembro, Auditorio, 17.00. «Poemas que non foron ao lume» é o título da obra que presentará Matilde Vilariño. O libro foi impreso coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e agárdase a presenza de Valentín García. Omar Rabuñal, pola súa banda, proxectará a peza audiovisual «No mellor da vida», na que Matilde figura. Unha historia coa escrita para coñecer.

Teatro na Casa dos Títeres. 15 de novembro. Un achegamento ás artes escénicas para os máis pequenos. Un novo curso, con 40 rapaces, está en marcha na Escola Municipal de Cabana, de nome A Casa dos Títeres.

Trinta anos de democracia. 12.00 horas. Auditorio. Un acto aberto de memoria e recoñecemento polos 30 anos de democracia no municipio de Cabana. Unha homenaxe a alcaldes e concelleiros dende o 1987.

Bieito Romero e Irma Macías. 2 de decembro, Dombate, 17.00. No mes de decembro seguirá presente a música. Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, e Irma Macías, nova voz da formación folk, estarán no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate baixo o epígrafe «Didáctica da música». Irma é, ademais, vimiancesa, veciña da comarca.

Saberes e Sabores do 6 ao 9 de decembro. O programa Saberes e Sabores de Cabana de Bergantiños, cadrando con vén sendo tradicional coa Ponte da Constitución, xunta a vertente gastronómica coa divulgativa. Un dos piares deste apartado é a Ruta dos Pinchos por Canduas e Neaño. Ao carón está a mostra Expo Dombate, con artistas locais, e tamén a iniciativa Antoloxía de Dombate. Pretende ser unha sesión cívica de lectura de poemas, en tanto que se fixo unha recompilación de obras de diversos autores en torno ao dolmen. Dende Pondal a Antón Zapata, Manuel Rivas ou Rosalía Fernández Rial, por citar algún. Agárdase, ademais, que este compendio poida ver a luz en forma de libro.

Visitas a Dombate

 Ao lado do castro A Cidá de Borneiro ou da Torre da Penela, o dolmen de Dombate é o auténtico referente patrimonial de Cabana. No megálito xa se deu por inaugurada unha nova tempada de visitas, a correspondente á estación de outono. Os percorridos guiados concéntranse entre o venres e o domingo, cada 30 minutos: de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30. O venres será, tamén, o día dedicado aos centros educativos, aínda que baixo reserva pódese concretar unha visita para outra xornada: teléfono 672 435 736.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un outono para vivir o patrimonio en Cabana