Música e nichos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

24 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando se fala dos nichos musicais non se refire o conto aos que mellor coñecemos en Galicia: eses que están na beira do campo da festa e durante algunhas noites do ano tócalles sentir como baten nas lápidas os decibelios coas cancións de moda. Miraba o outro día para eles alí en Rus, ao lado da fermosa igrexa carballesa, na beira dun panteón a poucos metros da París de Noia dándolo todo, como fan todas as boas orquestras. E acordeime doutros moitos casos parecidos, mesmo un no que o palco puxérase xusto no teito da fila de nichos. Aínda vexo alí aos nenos anicados, debaixo da música e sobre os restos dos seus antergos.

Se cadra noutros sitios estas prácticas serían irrespectuosas, pero eu creo que non. É bastante máis ofensivo cortar pólas de árbores centenarios para que caiba o escenario, ou arrimar un camión a cinco centímetros dun cruceiro, por poñer dous exemplos. Tocar e bailar ao lado dos mortos é ata unha maneira de aprender a convivir con eles con normalidade. Xa dende pequenos imos pisando nos sartegos que antes se poñían arredor da igrexa, e vendo como van esmorecendo as letras que nos falan de quen quedou alí, e cando, e ademais con eses apelidos que resulta que son como os teus. Pero así é a vida, e a morte. Doutro xeito (e moito mellor), Cunqueiro xa ten rido coa maneira de encarar o que vai vir. E nas casas tamén o faciamos: eses toques no tellado, esa Rolda que te para nunha encrucillada e te leva, esas historias de aparecidos que che contaban mentres lle daban a auga no balde ás vacas... Se convives coa idea de morrer dende sempre, ¿por que non lle vas botar un baile algunha vez?