«E veña subir impostos, esta cousa non se anima, vamos ir en bicicleta cando suba a gasolina»
CARBALLO
A regueifa da semana, por Lupe Blanco
23 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Moi bos días para todos
que eu agora non resollo
sonche días de calor
que disque chega o veroño
Unha cousa xa vos digo
que eu con isto non aposto
creo que o mes de setembro
vai ser mellor que o de agosto
Se andades por Carballo
que é domingo de feira
están coas gangas os comercios
para que alí vaia quen queira
Están na fin de semana
e o domingo ata que peche
o que non estree nada
ha de ser porque non quere
Polo menos temos gangas
sei que non as ten calquera
como lle pasa á xentiña
que colle o bus en Fisterra
Parece que a cousa é grave
para o que ande en autobús
xa se están equiparando
como o recibo da luz
Xa o están inspeccionando
non sei quen terá a culpa
pero dóbranche o recibo
se o colles en hora punta
E veña subir impostos
esta cousa non se anima
vamos ir en bicicleta
cando suba a gasolina
Deixemos o conto aparte
a ver se marcha o problema
que estivo a Paris de Noia
na festa de Santa Eufemia
Moito traballan por Rus
sen esforzo non se logra
se se poñen motivados
aínda traen á Pantoja
Aproveita o domingo
fai o que che dea a gana
que mañá é laborable
e vainos tocar diana
Vamos dar a despedida
mando un abrazo forte
de parte da regueifeira
que haxa saúde e sorte.