Héctor Quiroga, as raíces da investigación oceanográfica

ricardo vales

CARBALLO

Ricardo Vales

OBITUARIO | Héctor Quiroga Lorenzo (A Coruña, 1933), científico

06 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando eu me incorporei á plantilla do laboratorio da Coruña do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en 1980, España aínda non estaba na CEE. Corrían tempos heroicos e o país levaba meses con ansias por formar parte do club selecto europeo. Estabamos en setembro e había que perfilar moitas estatísticas para certificar a incorporación definitiva (1986). Lembro que Héctor Quiroga ocupaba un despacho no primeiro andar, que compartía con outros dous investigadores dedicados a avaliar as poboacións de moluscos bivalvos do maior banco de Galicia, o da A Misela, na ría de Muros e Noia. Previamente, participara no desenvolvemento do Plan Marisqueiro de Galicia, sendo tamén asesor da comisión para a revisión dos polígonos de viveiros flotantes. Colaborou no plan pesqueiro de Galicia.

Quiroga foi un dos artífices da construción do actual laboratorio, situado no dique de abrigo, inaugurado en 1974, e dirixido ata 1981 por Miguel Torre Cervigón. Con anterioridade, fora o director do Centro Costeiro do Noroeste, ubicado no primeiro piso dun vello barracón no peirao de Linares Rivas que, a súa vez, albergaba a Comisaría do Porto e o Corpo de Carabineiros da Garda Civil. Previamente, realizara estudos de investigación en Francia, Gran Bretaña e Estados Unidos, publicando numerosos artigos de divulgación en prensa e revistas especializadas.

Entre 1987 e 1989 promoveu campañas de avistamento de mamíferos mariños no Atlántico nordeste, a bordo dos buques Explorador e Investigador. No 2002, editado pola Deputación, publicou o libro La caza de ballenas en aguas ibéricas, onde recompila a información. Pero Quiroga era un personaxe dual e complexo; por un lado, estaba o investigador apaixonado; por outro, o político atento e pendente a todo o que ocorría na súa cidade, A Coruña. En 1985, abandona o IEO para incorporarse á dirección provincial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como xefe da sección de Pesca, pasando en 1988 á Dirección Territorial de Galicia, órgano no que permanecería ata a súa xubilación, no ano 2000. Que a terra lle sexa leve.