Maxia, música e historia en Dombate

La Voz

CARBALLO

Dúas horas de puro deleite as que viviron o luns as cincocentas persoas que puideron asistir ao concerto de Carlos Núñez

15 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Prodixio, mestría e complicidade son tres verbas que facilmente se poden atribuír ao músico Carlos Núñez, e que sobradamente demostrou o pasado sábado no seu concerto en Dombate. Palmas gastadas de tanto fregalas, e momentos de auténtica apoteose, como o que marcou a entrada dos gaiteiros cabaneses de O Son do Castro.

Fiou Núñez cunha delicada soberbia a historia local co seu discurso musical. Dombate, moi presente ao longo de todo o concerto, compartiu protagonismo cos pórticos da Gloria e do Paraíso, coas historias do Xacobeo ou co medievo. Dedicou tamén un aparte ao interceltismo, sen deixar de mencionar que os primeiros festivais celtas se celebraron, precisamente, nas proximidades dos dólmenes. Aí, de novo, e moi presente, a posta en valor destes «Lugares máxicos» dos que Núñez falaba a Radio Voz Bergantiños hai apenas uns días: «Adaptamos o repertorio ao que pide cada lugar e estamos facendo un de percorrido por 1.000 anos de historia, comezando mesmo polos instrumentos do Pórtico da Gloria».

Á altura das Cantigas de Santa María, de Alfonso X o Sabio, a chuvia quixo facer o seu particular acto de presenza, aínda que para tal punto o músico tiña xa ao público no peto. Sonoros aplausos.

Dombate foi a última cita en Galicia desta xira de verán que o levou por toda comunidade e por numerosos puntos da península. Medio millar de persoas -moitos locais, e outros tantos foráneos- non quixeron perderse a histórica cita. Dúas horas nas que tanto Núñez, como o seu equipo de músicos, como tamén as dúas brillantes violinistas que con el estiveron -Antía Ameixeiras e Kiana June Weber- deron conta dun virtuosismo que ben souberon apreciar os alí presentes. Interacción, complicidade, un fío case invisible que creou unha conexión perenne entre observado e observado. Niso, sen dúbida, é Núñez un experimentado mestre.