Carballo

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

07 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dise que o carballo de Vilar de Francos, que ata o nome é ben fermoso, morreu de vello, pero eu creo que lle deu un ataque ao corazón. El, que tantos uniu. Pola maneira e o lugar no que esgazou, e pola calor que facía estes días, debíalle de apertar tanto o peito que estoupou. Foi escoller o día que empezaban as festas de Artes, a súa parroquia carballesa, un xesto burlón que eu vexo moi galego, e caeu de maneira discreta, educada, sen ninguén debaixo, como xa fixera o ciprés centenario da praza do Concello, tamén un símbolo, pero moito menos.

Así e todo, penso que o de Vilar de Francos vai ser galego ata no enterro. ¿Morrería? Depende. Co bo cacho que aínda lle queda, por moito que lle serren as pólas (non vai quedar outra por seguridade) aínda pode aguantar uns aniños. En Baamonde (Begonte) hai un castiñeiro centenario que está oco e esculpido por todas parte e bota follas e castañas. Quen sabe. Igual aquí tamén lle hai que facer algo. Aínda que sexa agora, tarde, pero sempre a tempo. Nunca tivo un triste indicador, un panel explicativo (e é un os mellores de Galicia, por anos e historia), un espazo como outras árbores senlleiras de Galicia. ¡E de fóra! Penso no drago de Tenerife, en Icod, ao que non lle ten nada que envexar, e a distancia escénica é cósmica. Pero, quen sabe: se cadra tamén chegou a tantos anos grazas a esa discreción vital, a ser un monumento case agochado do que gozaban solitarios visitantes e sobre todo centos de parellas (miles, na súa vida) que foron cumprir o rito das pedras para casar. Xa só por iso merece un monumento propio. Ou un san antoniño, que o ligue á capela da que naceu.