«Tiraremos pola música galega, non nos vai quedar ningún clásico no tinteiro»

Con 35 anos, como a Carballeira, en Astarot están moi «ilusionados» por vir a Zas. Cóntao Carlos Gandón, guitarrista do grupo


CARBALLO / LA VOZ

Apenas quedan xa unhas cantas xornadas. Non falta nada para a Carballeira de Zas e un dos concertos previstos será o de Astarot, formación que pechará a noite do sábado. Carlos Gandón, guitarrista da agrupación, falou onte en Radio Voz Carballo. Saudou alegre un bo día e aproveitou para lembrar que as previsións de tempo de cara á fin de semana son «espectaculares». Todo semella de cara para vivir o folk.

-Dan moi bo tempo para vivir esta Carballeira. ¿Teñen estado xa algunha vez nela, Carlos?

-Non, non tivemos o pracer. Pero estamos súper ilusionados e imos con moitas ganas porque sabemos que é un dos festivais máis emblemáticos do folk, de Galicia e parte do estranxeiro. Un sitio espectacular. Non hai moito máis que dicir, porque é de sobra coñecido polo persoal.

-Tamén Astarot ten xa os seus anos de traxectoria musical.

-Tamén, tamén. Os anos van caendo para todos [ri]. Levamos 35 en activo con Astarot.

-¡Os mesmos que Carballeiras!

-¡Home, pois que coincidencia! A ver se é bo síntoma. A última palabra tena sempre o público e eu sempre me remito a el. Como no circo romano, polgar para arriba ou polgar para abaixo.

-¿Podemos dicir que Astarot é un grupo de música-fusión?

-Si, e sobre todo xa nestes últimos discos, a parte de rockanrollizar os clásicos galegos, fixemos un achegamento máis ao folk, nalgunhas pezas. Pero bueno, predominantemente a nosa é unha fusión do rock coa música galega. Iso mantense dende sempre, aínda que aos comezos o grupo empezou a cantar en castelán e ía por outros derroteiros. Foi a partir do terceiro disco cando xa se empezou a formalizar o galego nas nosas producións, e ata o día de hoxe.

-¿Cantos discos, xa?

-Oito discos.

-¿E que traerán á Carballeira de Zas? ¿Unha mestura?

-Si, máis que nada tiraremos pola música galega, polos clásicos. Creo que non nos vai quedar ningún no tinteiro. Hai que pensar tamén unha cousa, que este festival é un festival de folk e nós quedamos para pechar, para caldear máis a onda [ri].

-Nesa xornada comparten cartel con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, con Harmonia Creams e tamén con Mànran. ¿Como o ve?

-Para nós é un prestixio estar ao lado de xente tan potente. Temos moitas ganas, xa estivemos afiando os coitelos [ri]. Temos que darlle as grazas á organización polo esforzo e o traballo que fan todos os anos. Tamén pola aposta pola música galega, e polas internacionais. Son hoxe un piar básico da cultura galega.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Tiraremos pola música galega, non nos vai quedar ningún clásico no tinteiro»