«Hai que esquecerse de que veña todo mascado, as cousas hai que traballalas»

O empresario do sector turístico e alcalde de Mazaricos, Juan Blanco Riveiro, incide na necesaria implicación dos profesionais


cee / la voz

O alcalde de Mazaricos e presidente de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), Juan José Blanco Riveiro (1980), tamén é empresario turístico e, polo tanto, fala con coñecemento de causa das relacións que existen neste sector entre o papel impulsor das institucións e a necesaria implicación dos profesionais.

-¿Que posibilidades e retos ten o turismo na comarca?

-Eu creo que o que hai é que saír da tempada de verán. O que precisamos é poder diversificar e ter actividades durante todo o ano. Nesta campaña de verán houbo un baixón. Todo o mundo está a dicir que vén menos xente. Entendo que ao mellor outros destinos están collendo forza e aí non nos podemos quedar atrás.

-¿Pódese seguir pensando que vai todo feito sen moverse?

-Dende logo que non. Temos que traballar en conxunto e ter unha estratexia en común, cousa que é difícil tamén. Pecamos moito de cada un vai por o seu lado. A idea de ter un plan estratéxico, facer campañas, diversificar ao longo do ano... crear nós produto sen que veña todo feito, porque iso non pasa, é unha das claves importantes. Quizais a única forma de ter futuro no turismo.

-¿Pensa que a CMAT pode ser o instrumento definitivo nesta coordinación, despois de todo o que lle custou arrincar?

-Eu creo que agora mesmo é o único instrumento que vai estar aí para iso. O único organismo que seguirá aí coa Xunta e cos concellos é a CMAT. Poderá gustar máis ou poderá gustar menos, pero eu creo que ten que ser o instrumento de xestión de turismo.

-¿Que fai falta ademais diso?

-Despois está o papel das empresas. As Administracións podemos chegar ata un punto, pero o empresario é o que ten que dar o paso á hora de xestionar o produto. Aquí é onde eu considero que temos un déficit moi importante, non nivel de implicación dos profesionais.

-¿A que nivel está esa implicación pola parte dos concellos?

-Esa etapa de inicio na que había certas desconfianzas xa pasou. Penso que eses temores en parte aínda eran herdanza de o rastro que Neria deixara atrás, pero eu penso que agora todos os concellos entenden que a forma de xestionar o turismo é a CMAT, que hai que pasar polo aro e traballar; por máis que poida quedar aínda algún caso que incomprensiblemente siga sen abonar as súas cotas.

-¿En que iniciativas das que hai en marcha ten posto un maior número de esperanzas?

-Por exemplo, para a semana que vén temos unha reunión con Nava Castro para abordar o asunto das rutas de BTT. Agora xa se está pensando nelas como un conxunto, porque a primeiro só estaban deseñadas para unha zona moi concreta e agora xa se prevé que se estendan dende A Laracha para abaixo ata Carnota. A idea de conxunto xa está inventada, non a creamos nós e agora do que se trata é de sabela aproveitala e aplicala nun sentido positivo.

-¿Son estas o tipo de fortalezas que ten o territorio e que se poden vender de cara ao exterior?

-Dende logo a natureza é o maior encanto que temos no noso entorno. Non hai máis que ver o Camiño dos Faros o ben que está funcionando sobre unha riqueza que xa estaba aí, que non houbo que inventar. O que hai é que fomentala e promovela.

-¿Que imaxe teñen do territorio fóra? ¿Que puido percibir nas feiras ás que asistiu?

-Teñen unha imaxe de calidade, de boa gastronomía, de que non somos unha zona masificada como pode ser o sur de España ou as illas. Por iso a xente que quere vir aquí busca outro tipo de cousas: tranquilidade, un turismo familiar... Cando vai ao Mediterráneo pensa no sol e cando vén aquí pensa nunha boa comida. Aí fóra saben que existimos. O noso gran hándicap é a meteoroloxía. Entón hai que buscar produtos que se poidan vender durante todo o ano.

-¿Segue sendo o Camiño a base fundamental? ¿Como se coida?

-Por suposto. É básico e a maneira de coidalo pasa pola calidade non hai outra vía, porque todo o mundo queremos que pase pola nosa porta, pero pasa por onde pasa. De aí que a base, coma sempre, estea na calidade e iso non se lle pode pedir só as Administracións. Non pode ser que CMAT ou quen sexa saque un curso e estean catro. Claro que fai falta formación, pero o hostaleiro tamén ten que querer. Hai que esquecerse que veña todo mascado, as cousas hai que traballalas e teñen que pór da súa parte. Nos chegamos ata un punto, pero cada un terá que crear os seus produtos. O Camiño dos Faros, como xa dixen, é un caso práctico dunha simple asociación que creou un produto que funciona. Punto. Sen Administracións, sen nada. Así é como temos que traballar as empresas, que non traballamos, porque queremos que veña todo feito e todo feito non vén, nin vai vir.

«A promoción consegue que a xente veña, e que a de aquí, invista»

Blanco xustifica o investimento público en turismo como unha maneira de activar a actividade privada e pon de exemplo o caso do seu concello, Mazaricos.

-¿Quizais o caso do seu concello sexa paradigmático das posibilidades que aínda quedan?

-Si, claro. No noso caso houbo un impás na promoción turística que se demostrou beneficioso. Nós triplicamos as prazas de aloxamento dispoñibles nos últimos tres anos e aínda hai varias iniciativas máis, algunha delas xa en execución e outras en proxecto. Isto significa que a promoción e o coñecemento do produto dan resultados. Cando, un pouco sen darte conta, cambias de pasar totalmente desapercibido a que che coñezan un pouco, iso supón que a xente queira vir e que a xente de aquí queira investir. Estamos falando de xeración de riqueza, que moitas veces non se ve de maneira inmediata, pero que si nos acaba dando a razón aos que apostamos por estes investimentos públicos.

-¿Cal é a situación de Carnota, que mostraba moitas reticencias a incorporarse á CMAT?

-Moi boa, agora mesmo xa está incorporada dentro da CMAT sen problema ningún e penso que así ten que ser, porque non se pode falar da Costa da Morte a nivel turístico e non falar de Carnota.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Hai que esquecerse de que veña todo mascado, as cousas hai que traballalas»