«Son unha namorada do mar da Costa da Morte, do mar de López Abente»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Carlos Rei

A autora rianxeira Noelia Gómez recibe hoxe no Salón do Voluntariado muxián o seu galardón

27 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pola súa «coherencia textual», pola súa habilidade para fiar unha historia que permite «comprender o paso do tempo» e polos seus versos que, «espidos de calquera requinte estético, acubillan os silencios», a rianxeira Noelia Gómez (1995) é a nova gañadora do Premio de poesía Gonzalo López Abente. «Escribo para quen queira ler os meus poemas e facelos seus. Ao final a poesía é de quen a le», di a moza, que se confesa amante do mar da comarca.

-¿Qué conta en «O Xiro»?

-O Xiro é un poemario que está dividido en tres partes- Contorno, Eixo e Desprazamento- e que se centra nunha rapaza de aldea que vive fóra da casa, nun lugar afastado da súa orixe. É unha peza que se rexe pola filosofía do tránsito, do cambio e do movemento. Hai, tamén, unha intención de falar dende a colectividade: para todas esas rapazas que, coma min e como a protagonista, saíron do seu lugar de orixe e romperon cunha tradición familiar. A perda, asimesmo, está moi presente ao longo de todo o poemario. Esas avoas e nais que construíron a súa casa, a súa vida. O Xiro é, sen dúbida, unha homenaxe a todas elas.

-Inspirouse, entón, na súa particular traxectoria vital.

-Non quería que fose un libro completamente autobiográfico, pero sempre que escribes estás ti, polo que aínda que hai unha vontade de falar dende a colectividade, non pode negarse que é tamén un xiro persoal.

-O tempo e a muller aparecen moito no seu poemario.

-Como muller, o libro evidentemente é feminista. De feito unha das cousas que se intenta romper é esa idea da muller ligada exclusivamente ao fogar, esa idea que o patriarcado nos intenta impoñer. Paralelamente, eu creo que poesía e tempo están moi ligados, e é por iso que O Xiro non deixa de ser unha reflexión acerca do paso do tempo.

-¿É a primeira vez que se presenta ao López Abente?

-Si. Pechei o poemario polo mes de maio, así que comecei a buscar premios aos que poder presentalo e topeime con este, que é de gran importancia ao editalo Xerais. Ademais, eu son unha namorada do mar da Costa da Morte, do mar de López Abente. Estou aínda en asimilación, de feito, ao tratarse dun premio que, aínda sendo de tan curta traxectoria, gañaron autores tan relevantes como Eli Ríos, Emma Pedreira ou Daniel Salgado. Para min é unha entrada espléndida ao sistema literario galego.

-¿Decidiuse polo xornalismo para ter despois unha saída literaria no futuro?

-Estudei xornalismo porque me encanta escribir, en xeral, non só literatura. Teño bastante claro que non vou a poder dedicarme á poesía, aínda que para min é un lugar necesario para a vida: non sabería afrontar o día a día sen acudir á poesía. Polo momento gustaríame seguir traballando neste campo e dedicarme á investigación. Se todo sae ben farei o doutoramento en Santiago.

-¿Gustaríalle seguir escribindo?

-Por suposto, aínda que non me obsesiona. Eu sinto un compromiso coa escrita e coa palabra, pero se veñen publicacións, pois recibireinas cos brazos abertos.