«Cada ano temos máis problemas para atopar profesionais para as praias»

F. Rodríguez, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CESAR QUIAN

Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, cre que se debería facilitar que os deportistas teñan máis fácil acceso ao traballo

19 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Que opinan os expertos en salvamento e socorrismo sobre os cursos e os custes que ten o querer ser socorrista en Galicia? A medida da Xunta semella que non está a dar os resultados agardados, polo menos non en canto a cubrir as prazas que se precisan. Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, falou onte desta cuestión en Radio Voz Bergantiños.

-Parece que dende que mudou a normativa hai cada ano menos xente interesada en ser socorrista.

-Así é, cada ano temos máis problema para atopar os profesionais para os mesmos areais. Hai menos xente que cubre estas prazas e quedamos desertos en case todos os concellos.

-Falabamos estes días da Costa da Morte, pero logo é un problema extensible a toda a comunidade.

-Tanto á zona de Lugo, como a norte de A Coruña ou o sur de Galicia. É algo xeral. Vai baixando o número de socorristas porque hai que pensar tamén que este traballo é moi estacional. En canto collen un de maneira anual, deixan este, sen que haxa remesas nin promocións para poder substituír.

-¿E que diferenza hai entre un socorrista que ao mellor paga 300 euros polos cursos no Levante e os 1.400 que se pagan aquí?

-Galicia é a única comunidade que a día de hoxe ten regulada a formación do socorrista. No resto de España, non. Non sei a cantas horas se refiren eses 300 euros, pero si sei que nas Illas Baleares, por exemplo, con 8 horas de formación xa es socorrista. Entón, nin un nin outro termo. Antes do 2012 facías o curso na Federación ou noutras entidades e máis ou menos custaba sobre 395 euros, uns 400. Había 140 horas de formación teórico-práctica e 200 horas de práctica. Esixíaselle aos participantes que soubesen nadar e, agora, o que teñen a maiores son 120 horas de natación que teñen que cursar si ou si. Todo isto vai incrementando prezo e número de horas.

-¿Podemos dicir que antes non estaban suficientemente preparados ou non ten nada que ver unha cousa coa outra?

-Antes estaban perfectamente preparados. Non había tampouco incidencias nas praias. O único é iso, que se esixía para facer o curso saber nadar e agora non, porque hai esas 120 horas. Penso que antes eramos tamén máis esixentes, facíanse máis probas de avaliación. Agora temos máis formación, pero menos persoas nas praias.

-Ou sexa, que as probas ou cursos tampouco garanten máis profesionalidade. A experiencia non vai implícita nelas.

-Non. Este tipo de formación non di para nada que os socorristas sexan mellor agora ca antes. Simplemente, que nalgunhas materias teñen máis horas.

-¿Coñecen algún caso de socorrista veterano que deixase de traballar por estas medidas?

-Non, porque os veteranos poden traballar ata o 2021 sen ningún tipo de problema. Si é certo que poden deixalo por outros motivos, pero non por estas medidas que pon a Xunta.

-¿E os rapaces de clubs de salvamento e socorrismo que teñen gañado mesmo encontros autonómicos e estatais? ¿Tamén teñen que facer estes cursos?

-Téñenos que facer tanto deportistas como non deportistas. Á hora de facer o curso, a Xunta non os divide nin ten iso en consideración. Isto é unha certificación profesional onde se ven a nivel europeo: non se contempla o deporte de salvamento como tal.

-¿Moitos alumnos destes clubs descartan presentarse ás probas?

-Si, sobre todo polo número de horas. Ao final, pensa que 340 divididas en só fins de semana, son moitas fins de semana que lles cadran con campionatos, ligas, augas abertas, pechadas... Con toda a súa planificación do deporte. Por iso moitos aproveitan o verán para facelo de xeito intensivo e logo traballar o ano que vén. Antes, practicamente o 100 % destes deportistas eran socorristas, agora non.

-¿Poderían estar todas as prazas cubertas por eles se non fose por estas trabas?

-É moito arriscar dicir iso, porque non saben de primeiros auxilios ou técnicas específicas para saber, por exemplo, como sacar da auga unha persoa cunha lesión medular ou como facer un remolque de alguén que ten mal un ombro. Hai cousas que non dá o deporte, e as técnicas hai que cursalas, pero tamén o é que a estes rapaces a metade de horas chegáballes para ser socorristas. E van selo, porque levan isto na sangue. É unha característica propia da nosa federación: o deporte e a profesión están complementadas e poden ter un traballo grazas a esta disciplina.