«Coñezo a moi pouca xente do sector público que teña un galego oral digno»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Jose Manuel Casal

O Fórum acolle hoxe e mañá un curso de verán promovido pola Universidade da Coruña e dirixido polo profesor e escritor coruñés Xosé Manuel Sánchez Rei

18 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Escritor e profesor da Facultade de Filoloxía da UDC, Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1971) dirixe o curso de verán Traballando na calidade da lingua, que dende hoxe se celebra no Fórum Carballés. «O peor galego é o que non se usa», opina o profesor, que non só apunta a carencia cada vez máis acusada de galego falantes, senón que tamén influé a calidade da lingua empregada. «Unha vez que xa o falamos a pregunta é: ‘¿Por qué non avanzamos un pouquiño máis para mellorar na utilización da lingua?’», di o escritor.

-Primeiramente, ¿cómo vai de saúde a lingua galega?

-Non moi ben. Gustaríame poder dicir que ten unha saúde de ferro, máis non é así. Cada día pérdense falantes, e ademais non hai unha política de promoción por parte da Xunta. Iso en canto a cantidade, pero tamén diminuíu a calidade, pois cada vez fálase un galego máis castelanizado.

-Involuciona, deste xeito, en ambos sentidos: tanto cualitativa como cuantitativamente.

-Hai algunhas cousas nas que se mellorou, como a escrita. Máis no referido á lingua oral, a que empregamos de xeito habitual, perdeuse unha parte da esencia do galego. Tamén me gustaría facer fincapé nunha cousa, e é que non todas as persoas teñen a mesma responsabilidade de cara á lingua: alguén que viva do galego ou que se desenvolva nun posto público, ten unha responsabilidade moito maior. Que haxa académicos que vaian a un restaurante e pidan un «plato de pulpo» a min non me entra na cabeza, é incomprensible. Non me imaxino a académicos doutras linguas gabándose de empregar mal o seu idioma.

-O papel que xogan os políticos xa o deixou máis que claro.

-Coñezo a moi pouca xente do ámbito público que teña un galego digno no ámbito oral. Están a moitos quilómetros de lograr sequera un aprobado.

-¿Destacaría a algún persoeiro positivamente?

-Sei de moitos docentes universitarios que teñen un galego moi bo, e tamén profesionais dos niveis inferiores do ensino. Como tamén hai casos contrarios.

-¿Inflúe o despoboamento do rural coa decadencia do galego?

-A demografía tamén xoga en contra neste caso. Até hai uns anos mantíñase unha bolsa importante de galego falantes porque había aínda moita xente vinculada ás vilas e lugares pequenos. Hoxe en día o panorama mudou significativamente. Estou convencido de que o futuro do galego pasa polos neofalantes, e pasa tamén polas cidades. ¿Inflúe o despoboamento? Vinculados están, iso está claro, e en moitos aspectos.

-Hai moito «lorchán» ou desleixo á hora de falar o idioma.

-Eu coñezo moitos casos de xente que inviste horas e horas en pronunciar correctamente os fonemas doutras linguas, algo que é loable, por suposto. No galego parece que nos dá igual e secundarizamos a boa praxe: pronomes mal colocados, vogais abertas ou pechadas, léxico coincidente total ou parcialmente co español...