«Todas as culturas que atopei teñen unha forza e unha enerxía incribles»

V. Couto, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CEDIDA

A carballesa Lorena Marrozos acaba de chegar dun mes en Serbia e Bosnia, axudando a refuxiados, e axiña volverá

16 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dos Balcáns acaba de chegar a carballesa Lorena Marrozos Cancela (Entrecruces, 1982). Alí estivo un mes colaborando coa oenegé Jutt Helping na axuda a refuxiados kurdos, iraníes ou sirios que se agochan en montes agardando unha oportunidade para cruzar a fronteira. En Radio Voz Carballo, Lorena falou disto e da campaña solidaria en marcha.

-Voluntaria nos Balcáns... Cóntenos como chegou ata alí.

-Tiña ganas de axudar e xa viña dun ano no que estivera en dúas ocasións de voluntaria en Guatemala, nunha casa de acollida e orfanato. Quería volver alí, pero coñecendo a realidade dos refuxiados, pensei que era máis inmediato atender esta inxustiza e, xa máis adiante, regresar a Guatemala. Púxenme en contacto con varias organizacións para ver a onde podía ir: dábame igual o país, o que quería era a axudar no tempo que fose e o máximo posible. Faláronme de que por onde máis falta facía era Serbia e Bosnia. Coñecín unha organización pequeniña que necesitaba xa algo de carácter inmediato, así que, da noite para o día, collín un billete e marchei.

-¿Que fixo alí ese tempo?

-Estaba afincada en Subótica, no norte de Serbia, e dende alí todos os días levantábame moi cedo para coller unha furgoneta, facer a compra, cargar e repartir por diferentes puntos de campos e montes onde hai refuxiados... pódese dicir que escondidos. Viven dependendo desas persoas e organizacións que lles levan comida, duchas... A cubrir as necesidades básicas. Puntualmente, teño comprado tamén medicamentos, algún xoguete, roupa, mochilas... Repartir e estar con eles para min era fundamental. Sempre pasaba alí un bo anaco, mesmo todo o día, falando con aqueles que sabían algo máis de inglés, ou simplemente estando ao lado daqueles que non, dándolles algo de cercanía. Que soubesen que estabas aí. Logo diso, volvía a casa, durmía e, ao día seguinte, o mesmo.

-Unha realidade dura.

-Si, aínda que eu estiven moi ben, e compensoume moitísimo. Todas as culturas coas que me atopei teñen unha forza incrible. Son xente que tivera pasado moitos avatares dende o seu país de orixe ata onde nese momento estaban. ¡E sabían o que lles quedaba! Unha forza, unha enerxía e unha necesidade enorme. Iso compensa calquera esforzo que poidas crer que é para ti, pero que non é nada. Coñecendo historias había algún momento no que te sentías impotente, mesmo recordo algún intre de ira. Pensamentos sobre como podemos estar vivindo sen contar con esta xente, coa súa casuística, coa realidade que están vivindo alí.

-¿Que foi o que máis lle impresionou do que puido ver?

-Pouco antes de volver estivemos en Velika Kladu?a, nun asentamento non oficial en Bosnia. Leva sobre dous ou tres meses. De xeito resumido, neste momento en Bosnia a xente está máis sensible e axúdalles moito aos refuxiados: comida quente, atención de calquera necesidade... O boca a boca fixo que cada vez máis xente se fose desprazando alí e xa debe haber unhas 300 persoas. É algo excesivo, comezan a hacinarse. Non se dá feito. Hai uns días, unhas chuvias torreciais deixaron aquilo completamente enlamado, nunha situación infrahumana. Ninguén podería vivir alí. Escoitei neses días moitas historias e, en xeral, ningunha desas que escoitei querería ter que volver escoitalas. Moi crúas. As persoas estaban certamente desesperadas, tiñan perdido realmente a esperanza. Foi un día para min moi difícil.

-¿Plantéxase volver?

-Si, si, xa teño o billete. Vin porque hai cinco días volveu a persoa que eu estaba substituíndo. A calquera persoa que queira ir recoméndolle que non vaia soa, nunca. Eu fun porque me veu sobrevido, dalgunha forma, pero non é unha boa idea para moverte. En Serbia, e en Bosnia, en xeral, non se fala moito inglés, nin a policía. Estar só non é o mellor, vivino, pero non o recomendo.

En marcha unha campaña solidaria en Carballo e tamén na Coruña

Durante esta semana, Lorena Marrozos fará na Universidade de Santiago un curso de axente social para a integración de refuxiados. «Creo que é fundamental estarmos formados e informados. Digo no meu entorno que temos que saber cal é a realidade, estar preparados para axudar. Axudar mesmo é saber falar», explica. «Tanto eu como a xente que coñezo e que estamos nestas organizacións temos clarísimo que é moi importante darlles voz a estas historias, a estas realidades, porque é o único xeito de estar informado e poder dicir que non, que non participamos das decisións dos gobernos», engade. Agradece a solidariedade da xente e lanza unha mensaxe: «Pódese axudar dende aquí».

-A súa estancia aquí tamén se aproveitará para facer unha recollida de material no Casino de Carballo. ¿En que consiste iso?

-Acabamos de conseguir un camión de bombeiros de Zamora, habilitado para duchas. Estando alá vimos que facía falta algo así. O camión partirá de Zamora dentro duns dez días e queremos aproveitar esa viaxe, porque son moitos quilómetros (3.000) e moitos cartos en combustible, para levalo ben cargadiño de cousas que entendemos que alá son difíciles de conseguir. De aí que abrísemos esta campaña, dende hoxe, en A Coruña a través da oenegé Aire, e en Carballo no Casino, en Adega O Lagar, A Croa do Castro, librería Teldy e Interfilm Carballo.

-¿Que se precisa?

-Roupa en xeral, pero especialmente para nenos. Tamén roupa interior. Roupa sempre en bo estado. Tamén algún teléfono que xa non se utilice, para telos localizados, estar en contacto coas familias ou mesmo para alertar de agresións, que sabemos que hai. A maiores, produtos de hixiene, como xel, champús, locións antiparásitas, pasta de dentes, cepillos de dentes... É o fundamental.