«Xa é hora de que as mulleres comecemos a mandar un pouco»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez LA VOZ / CARBALLO

CARBALLO

Ana Garcia

A nova presidenta do San Lorenzo de Berdillo, Dolores Viña, asegurou que dende onte están traballando na confección dos equipos e corpos técnicos

03 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dolores Viña Castro (Berdillo, 1968) foi a persoa que o pasado venres asegurou a continuidade do club San Lorenzo ó presentar a súa candidatura á presidencia na última asemblea antes de que se disolvese. Pero de xeito paralelo, dende ese momento pasou á historia do fútbol da Costa ó converterse nunha das poucas mulleres en asumir o máximo cargo dunha entidade deportiva deste tipo. Onte explicou os motivos que a levaron a situarse aí, mais falou de todo o labor que o San Lorenzo ten por diante dende xa mesmo para prepararse de cara a próxima tempada.

-¿Por que tomou esa decisión de asumir o mando do club?

-Basicamente, porque non quería que desaparecese o equipo e non había quen o collese. Entón, vinme obrigada a meter a pata dentro.

-Vostede xa ten experiencia, pois antes foi a tesoureira. ¿Como se introduciu no mundo do fútbol?

-Hai 6 anos, o meu home [Lolo Fuentefría] púxose como presidente, entón acompañeino durante os 4 anos de mandato. E despois, cando entrou Jaime Suárez, continuei outros 2 anos máis.

-Tenlle que gustar este deporte para facer iso.

-Sempre me gustou. Levo moitísimos anos sendo socia do San Lorenzo. E por unha cousa ou pola outra, vaste metendo. Unha, polo meu home, que lle encanta este deporte, e outra, polo meu fillo, que o practica, aínda que non no Berdillo. Hai tempo pasou polo club e foi probando noutros moitos.

-¿Centra o seu amor polo fútbol no San Lorenzo, ou tamén asiste a outros partidos?

-Ai eu son fiel ó San Lorenzo. Mais chégame abondo que tampouco podo ir a máis. ¡Non hai tempo!

-Ademais de formar parte dunha minoría de mulleres da súa idade [50 anos] que seguen este deporte aquí na zona, pasará a historia por ser das moi poucas que asumen o cargo de presidenta.

-Si, pero tamén xa é hora de que as mulleres comecemos a mandar un pouco.

-Totalmente de acordo. A súa figura, de feito, vai contribuír a romper o prexuízo de que o fútbol é cousa de homes.

-É un detalle curioso e a ver se as demais se animan para que, efectivamente, non só sexa un mundo deles. Igualmente, teño que dicir que teño moitos homes detrás para axudarme con este labor, como por exemplo o vicepresidente, Jaime Cotelo, que ó estar xubilado vai poder facer cousas que eu non debido ó meu traballo.

-¿Vese preparada para este cargou ou imponlle respecto?

-Diso xa falaremos dentro de 3 ou 4 meses [ri]. Eu espero levalo o mellor que poida e que todo saia ben. De momento aínda non o asimilei moito, a verdade.

-¿Agora mesmo como está a situación do club, e mais concretamente do primeiro equipo? Pois o tempo para confeccionar o corpo técnico e a plantilla da vindeira campaña botóuselle enriba.

-Aquí non se daba decidido nada e cada un mirou por sí. Hoxe [por onte], de feito, ímonos reunir cos rapaces e a ver o que pasa. Aínda é moi pronto para dar detalles, pero o que está claro é que dende hoxe mesmo comezamos a traballar.

-¿Hai posibilidades de que o técnico Pablo Mallón continúe á fronte do conxunto? Porque a punto estivo de ir para o Buño, pero finalmente a cousa quedouse aí.

-Ese tema vaise tratar tamén hoxe, pero xa falamos con el e díxonos que non tiña problema algún en regresar.

-¿O obxectivo é recuperar a categoría de Primeira Autonómica?

-De momento imos comezar pouquiño a pouco e despois xa veremos o que podemos facer e o que non. Eu espero que si, pero a ver o que sae este ano.

-Respecto ó equipo xuvenil, o segundo e último do San Lorenzo, ¿ten pensado facer algún cambio?

-A idea é mantelo, pero moitos subiron na pasada tempada ó primeiro conxunto, e agora temos que lograr xuntar xente, senón é imposible.