«A especie que está en maior perigo de extinción no rural é o ser humano»

O profesor Manuel Francisco Marey analiza a realidade social e demográfica da comarca para entender os seus principais desafíos


Cee / La Voz

O catedrático de Proxectos e Planificación da USC, Manuel Francisco Marey (Castroverde-Lugo, 1973) pinta un retrato duro da realidade da Costa da Morte, para poñer de manifesto a necesidade dunha reacción política e social.

-¿Como se explica un despoboamento tan a alarmante nunha comarca costeira?

-Non pasa só na Costa da Morte. Hai uns traballos de Balsa Barreiro especificamente sobre a Costa da Morte. Analiza que non toda a costa, sobre todo a cantábrica e a atlántica norte, experimentou un crecemento demográfico. As Rías Altas, Ortigueira e toda esa zona tamén está nun proceso de regresión demográfica, igual que na zona occidental de Asturias. Na Costa da Morte quizais é máis amplo e máis intenso. As causas veñen de moi atrás. Nos anos 60 tiñamos un pico demográfico e a partires de aí o sector agrario empeza colapsar, comeza a ter problemas por falta de man de obra, a xente emigra e na xente aquelas nas que non houbo un reemplazo por actividade urbana relacionada cos servizos, coa industria,... fundamentalmente A Coruña e Vigo, hai un descenso demográfico. A Costa da Morte está no límite exterior e a distancia sempre é algo a ter moi en conta. Tamén ten estes polos de atracción urbanos relativamente preto. Despois, estivo un pouco abandonada cuns indicadores de infraestruturas similares ao que pode ser zonas de interior tanto de Galicia como de España. É dicir, ten imáns cerca e non ten capacidade de creación propia.

-¿Non é o amoreamento urbano un xeito irracional de xestión do territorio?

-Iso é discutible e discutido demograficamente. Ao largo da historia a xente sempre tendeu a unirse a grupos, a centros de poder de ocupación, de actividade e de servizos. O que ocorreu é que moitas veces a consecuencia de utilizar en exceso os recursos do entorno desas cidades e outras veces como consecuencia das grandes enfermidades como a peste na Idade Media, a xente fuxiu das cidades. Foi cando volveu o pacto do territorio. ¿Que ocorre en Galicia? Ocorre que o noso descenso poboacional é extremadamente rápido e concentrado no tempo. Nos anos 40-50 do século pasado, que é nada, é as xeracións que aínda están vivindo, tiñamos os máximos poboacionais históricos sobre todo o rural e aí rompe. Rompe e comeza un descenso brutal de poboación que emigra. E non emigra aleatoriamente a xente, emigran os mellores, os que teñen esperanza de vida e capacidade de traballo, o que estamos vendo agora na xente que vén de África. Isto provoca unha ruptura e un colapso enorme do que é o espazo territorial. Iso é o que trae as consecuencias que temos hoxe en día. O rural témolo nun momento crítico, dun abandono terrible e dunha falta de obxectivos e de plans de accións para reconstruír ese rural vivo e cheo de xente, que é alarmante. Estámonos atopando cun deserto poboacional na maior parte do territorio galego. Tamén na Costa da Morte. E ollo, son desertos recentes, porque seguen quedando as casas e seguen quedando os 30.000 núcleos de poboación que temos. Atopámonos cunha realidade territorial que se baleirou porque temos que seguir xestionando porque existen recursos e porque existe poboación, sobre todo xente maior, máis dependente que temos que ocuparnos dela. Como lle digo moitas veces aos meus alumnos, a especie que está en maior perigo de extinción no rural é o ser humano.

«Se tes unha poboación cunha idade de 64-65 anos está claro que tes que traer xente»

Marey móstrase crítico coa actitude da Xunta respecto do rural.

-¿Ve que esta sexa a lexislatura do rural, como dixo Feijoo?

-Teño bastantes dúbidas ao respecto. As medidas non sei cales son, nin cales van ser os seus efectos, nin cal é a lóxica desas medidas, nin cal é o plan estratéxico que ten este Goberno. Son anuncios, eslóganes, pero detrás diso non hai nada. Aí hai que poñer un plan e uns indicadores. Dicir: a día de hoxe temos isto. Dentro de 10 anos queremos ter isto. Despois mellorar aqueles nos que vemos que hai serias carencias. Construír unha imaxe territorial da Galicia que queremos ter en 10 anos e actuar en consecuencia. O que está claro é que se tés unha poboación que a idade media é de 64-65 anos, esa poboación non ten capacidade para perpetuarse aí. Terás que traer xente a esas zonas. Non sei cal será a súa orixe. E ninguén vai pensar a súa vida do rural se nese rural non hai servizos, non hai colexios, non hai atención sanitaria, algo tan simple como acceso ás comunicacións. Ninguén vai ir vivir alí a non ser que sexan ermitáns, e ermitáns xa non quedan tantos.

-A xente se a terra non lle dá de comer non a vai coidar.

-Temos 12 millóns de parcelas rústicas, que pertencen a un número inxente de propietarios. Nos anos 60 o 99 % dos propietarios vivían nas parroquias onde estaban esas terras. Hoxe esa realidade non é tal. Hai concellos nos cales nin o 15 % dos propietarios viven nas parroquias. Se a xente se vai e esa terra ninguén e aluga, nin a compra nin a xestiona, o seu destino é o abandono. É difícil facerse rico cultivando a terra, pero poñendo os mecanismos adecuados si pode haber xente, que aínda sinte esa chamada que pode xerar actividade agraria, gandeira, forestal... para os propietarios ou para empresas de servizos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«A especie que está en maior perigo de extinción no rural é o ser humano»