«O equipo estaba moi tocado cando cheguei na xornada once»

Ignacio Javier Calvo Ríos
naso calvo SANTIAGO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

«Salvamos moi ben a mala situación na Liga, e a Copa da Costa foi o premio ao traballo dun ano», sinala o técnico Néstor Romero, do Xallas

21 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Néstor Romero Agra (Winterthur, Suíza, 1978) é o técnico do Xallas, campión da Copa da Costa. Esta tempada non ía adestrar, logo de tres anos no Mazaricos, en Segunda Autonómica, onde estaba «moi cómodo para poder compaxinar o banco co traballo». Pero en outubro recibiu unha chamada do presidente do Xallas para intentar a milagre de salvar o equipo, fundido no máis fondo da táboa de marcas. E Néstor Romero cumpriu o obxectivo: salvou ó Xallas mes e medio antes de rematar o campionato, e gañou a Copa da Costa.

?A Copa da Costa semella ser propiedade do Xallas.

?Do Xallas e de Doro, que leva gañadas sete. O Xallas ten moitos trofeos da Costa, é o que máis ten. Conta cun bo palmarés, pero como club, hai que mellorar moitas cousas.

?¿Eran vostedes os favoritos?

?Non creo que fósemos os favoritos. A final estaba a un 50 por cento entre dous equipos de Preferente que se coñecían moi ben. Os enfrontamentos entre ambos na Liga foron igualados, e nós quedamos de novenos mentres que eles acabaron no posto doce, con só tres puntos de diferenza. Certo é que o Sofán non xogara nunca unha final. Era a única vantaxe que tiñamos nós.

?Ao comezar a tempada, o Xallas tiña outros obxectivos, ¿non?

?Non sei cales eran as metas do club, porque eu non estaba. Ao chegar eu, a salvación era o único obxectivo. Era moi complicado, pois o Xallas ía de último a moita distancia e sabendo que se agardaban bastantes arrastres de Terceira División. Foi un traballo bestial e, faltando mes e medio ou dos meses, acadamos a permanencia.

?¿A Copa foi o mellor agasallo para o grupo?

?A Copa da Costa gústalle a todos os clubs. Tamén ó Xallas, e máis, logo de estar nunha situación bastante incómoda a principios de campaña. Salvamos a situación e a Copa da Costa foi o premio a un duro ano.

«Estou estudando a posibilidade de seguir. Teño que valorar moitas cousas na vida»

?¿Xa lle ofreceron a renovación?

?Estou estudando a posibilidade de seguir. Teño que valorar moitas cousas na miña vida persoal. Traballo noutro ámbito e o fútbol non é unha prioridade. Estaba fóra destas categorías porque adestrar en Preferente quita moito tempo. Pero era un reto para min e por iso entrei no proxecto. Axiña tomarei unha decisión.

?¿Que mudou no Xallas coa súa chegada ao banco?

?Non houbo reforzos. Só fixemos unha fichaxe dun xogador que estaba en Segunda Autonómica, que nunca xogara na categoría. Tirouse para adiante co que había. Traballamos moi forte e cambiamos as dinámicas, e pouco a pouco fomos sacando bos resultados. O equipo expúñase demasiado ante os rivais e os erros páganse moi caros nesta categoría. Minimizamos fallos, pois no equipo temos calidade para atacar e facer goles, e a clave estivo en equilibrar o equipo a nivel defensivo, pois recibiamos demasiados goles. Ao longo da semana traballamos de xeito diferente. Houbo que subirlle a autoestima aos futbolistas e que eles creran de verdade nas súas posibilidades. O equipo estaba bastante tocado e a nivel mental foi importante sacalos adiante para comezar a remontar, logo de facer a nivel táctico as correccións precisas para concederlle menos aos rivais.

?¿Cal foi o peor momento?

?O peor de todo foi ao inicio. O equipo estaba moi no fondo e moi distanciado. Houbo que traballar moito. Os xogadores viñan de prepararse doutro xeito e pouco a pouco foron asimilando a nova faena. Chegamos a estar de quintos e con moitísima ilusión, pero era moita a diferenza en puntos co cuarto. Cara o final houbo que compaxinar a Copa coa Liga e a plantiña era moi curta. E xa sen obxectivos na competición ligueira, tiramos xa definitivamente pola copeira.