Temos que aproveitar o potencial exportador

Dolores Toja Suárez TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

01 jun 2018 . Actualizado a las 13:41 h.

Como deputada non me quixen perder as III Xornadas Empresariais de Bergantiños, onde asistín con compañeiros do PSdeG da bisbarra. Con sinceridade, non todo foi positivo. Botei de menos máis presenza feminina entre os oradores. Non creo que en Bergantiños non haxa mulleres empresarias, das que poidamos aprender. Queda anotado como mellora para o vindeiro ano. Aínda temos moito que facer para rachar co teito de cristal das mulleres bergantiñás. Outro exemplo: os novos nomeamentos da Cámara de Comercio, de 10 membros do máximo órgano de goberno, unicamente unha é muller. Difícil de comprender en pleno século XXI.

O empresariado puxo de relevo o papel das Administracións como facilitadoras ou obstáculos ao emprendemento. Entre outras cuestións relevantes, como a do relevo xeracional na empresa, tamén se expuxo, da man do ICEX, o longo camiño que aínda lle falta por percorrer ás empresas galegas para entrar na senda da internacionalización. Galicia bateu un récord de exportacións no 2017. Isto é unha boa noticia. Non obstante, tres de cada catro euros foron con destino a países da Unión Europea. Case a metade a Francia, Portugal e Italia, o cal implica que temos unha forte dependencia económica destes tres países. Iso amosa a nosa debilidade, porque calquera variación na súa conxuntura tería consecuencias importantes nas exportacións galegas. Apenas estamos presentes nas rexións do mundo máis dinámicas como China, Corea, Xapón e Oriente medio. Non cabe dúbida que detrás do pulo exportador están empresas de alto valor engadido, como Inditex e PSA-Citroën . O seu efecto arrastre como impulsoras das Pemes galegas é indubidable. Hai que seguir aproveitándoo, pero necesitamos diversificarnos en máis sectores como as enerxías renovables e as TICs, que ofrecen grandes oportunidades de crecemento, non podemos deixar pasar ese tren.

Faise preciso cambiar o modelo produtivo, basealo na innovación e o coñecemento e non en salarios baixos. Iso supón que a Xunta debe comprometerse e desenvolver unha política global, con políticas potentes: Estas xornadas celébranse nun contexto de regresión demográfica. Bergantiños perdeu en oito anos máis dun terzo da súa poboación moza, pasando de 8.765 habitantes de entre 20 e 29 anos, a 5.690. Pola contra, as persoas maiores de 65 anos a finais do ano 2017 triplicaban a aquel colectivo, con preto de 18.000. De aí a importancia da necesidade de compromiso da Xunta de Galicia co sector industrial. En Galicia temos un gran potencial exportador, e hai que aproveitalo.