«O bosque e o agro cultivados son garantía ambiental»

L. garcía / p. vázquez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Álvaro Ballesteros

Francisco Dans vén de participar nunha xornada de consenso para o sector forestal de Galicia

23 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Dans é o director da Asociación Forestal de Galicia, desde onde hai xa varios meses traballan para reclamar máis atención para o sector. Esta semana pasou polos micrófonos de Radio Voz.

-Cantos anos levan traballando nesta asociación?

-Levamos traballando máis de trinta anos desde a nosa constitución. Facémolo cos nosos socios, que son propietarios forestais particulares e de comunidades de montes veciñais.

-Están espallados por toda Galicia?

-Efectivamente. Estamos esparexidos por 300 concellos de toda Galicia.

-A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acollía hai un par de semanas unha xornada de presentación para propostas de consenso para o sector forestal de Galicia. A implicación da súa asociación foi máxima, non?

-Desde o comezo destas reunións, estamos apoiando o seu desenvolvemento porque cremos que é fundamental explicar a nosa actividade e a nosa implicación coa sociedade galega, que é total. Pensamos, tamén, que este falso encontro da produción forestal, como a da produción agraria en xeral, co medio ambiente, non é verdade. Todo o contrario, o bosque e mais o agro cultivados son a mellor garantía para que o noso medio ambiente siga mantendo uns niveis de calidade altos, e seguir mellorándoo cada día un pouco máis.

-É precisa moita pedagoxía?

-Cada vez máis, porque entidades coma a nosa son mal entendidas e comprendidas e, ás veces, isto soluciónase cunhas conversas tranquilas, sen ningunha crispación. É preciso que cada un entenda o que o outro fai para que non haxa malentendidos.

-Precisamente nesas xornadas estaban representados todos os sectores, con partidos e asociacións de todo tipo. Pódese dicir que este é un documento de consenso?

-Si. Estivemos traballando organizacións agrarias, forestais, sociais, culturais e medio ambientais para tratar de poñernos de acordo no básico. Penso que este documento é unha base de partida para entender o que está sucedendo no medio rural galego.

«O principal problema está no monte arborado sen xestión»

-Vostede mesmo fixo unha presentación sobre os principios clave para o desenvolvemento do monte e das actividades económicas asociadas. O propio título dá pistas...

-Se non hai actividades económicas asociadas non hai sostibilidade. De non ser así, os recursos perderíanse, o agro abandónase e aparecería a «selvatización», así como o desastre e o incendio forestal. Mentres que se hai actividades de carácter económico, tal e como as concibimos hoxe, estamos asegurando o noso patrimonio de cara ao futuro e xerando ao mesmo tempo emprego no medio rural e sostibilidade. É pura lóxica.

-En Galicia temos un 41 % de espazo de bosque arborado sen xestión. Isto é algo sanguento...

-Ecoloxicamente poderiamos falar dun territorio no que a vexetación evoluciona de forma espontánea. Nestes ecosistemas é moi difícil intervir e xerar economía. Pensemos, por exemplo, nos cumios dos montes ou nas partes máis altas do territorio. Alí non está o problema, senón no monte arborado sen xestión, que alcanza case o 20 %, uns datos que nós mesmos elaboramos cada ano, xa que non existen estatísticas oficiais referentes a estes temas. O máis importante é esa parte do noso territorio que está sen xestión.