«Eu pasei moita fame de ler»

Paula Vázquez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

monica ferreiros

A escritora e activista Luz Fandiño participa hoxe na XIII Semana Cultural do IES Maximino Romero Lema de Baio

16 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu son da clase dos poetas descoñecidos e ignorados, para os que nunca se fixeron premios nin nunca son publicados. Son a poeta daqueles que loitan por saír de escravos. Son a poeta daqueles aos que todo lles foi negado. Eu son a poeta de aqueles que sobreviven do emprestado, a poeta analfabeta, a poeta dos desherdados. Así lle pon música a cantante Sés aos versos de Luz Fandiño (1931, Santiago de Compostela), escritora e activista galega que hoxe (12.45 horas) chega ao IES Maximino Romero de Baio para participar nunha nova sesión de Ao Son Delas, dentro da Semana Cultural que programa o instituto baiés. «Falar de igualdade de xénero é volver séculos atrás, a esa demolición contra as mulleres», di a propia Fandiño.

-Participa vostede no proxecto ‘Feminismo Plural’. ¿Cal diría que é a clave para educar na igualdade de xénero aos máis novos?

-A chave está en falarlles moito máis da nosa historia. Teño unha chea de ideas do que se podería facer. Falar de igualdade de xénero é volver séculos atrás, desa demolición contra as mulleres. Hai quen fala de democracia, e eu digo que é ‘dedocracia’. É unha troula falar de que houbo transición en España. Na miña opinión o que se fixo foi legalizar ao xeito que Franco quería.

-Tamén lles falará aos alumnos da súa estadía na Arxentina e en Francia. Vostede mesma ten dito que a emigración non ten nada que ver co turismo...

-Para nada, a emigración naquel tempo foi un verdadeiro éxodo. Había máis galegos na Arxentina que na propia Galicia. Era un negocio redondo, nós eramos man de obra barata. Haberíalle que recordar agora a quen di que non hai cartos para os pensionistas onde van as divisas que se mandaban desde alí. Por outra parte, a miña experiencia na emigración foi bastante traumática. En Bos Aires atopeime con bastantes prexuízos de cara aos galegos e galegas. Referíanse a nós como «el gallego de mierda» ou «el pata sucia». O cómico é que agora a todos os españois lles chaman galegos, digamos que lles caeu o cuspe nos fociños.

«O primeiro libro en galego que tiven nas mans foi unha obra de Rosalía de Castro»

-Reivindica a lingua e o poder transformador da poesía. ¿Como espertou en vostede a paixón por este xénero literario?

-Foi a única riqueza que trouxen dos meus anos como emigrante. A miña identidade como galega é a cultura que felizmente atopei na biblioteca do Centro Galego, cun señor que me animou a que eu escribira en galego. Eu daquela non sabía nin escribir na nosa lingua, e moi malamente en español. Foi el quen me ensinou a facelo. Eu pasei moita fame de ler. Recordo que me deu a ler un libro. Entrei no universo da lingua galega dun xeito anecdótico grazas a un poema de Ramón Cabanillas, que dicía «roda meu carriño roda pola meiga terra nosa, que a miña ialma saudosa lonxe dela non se afai. Non me leves a Castela que non quero nada dela xa que arredou de nós...». Foi nos tres últimos anos da miña estadía no estranxeiro cando tomei conciencia e renacín lendo a Rosalía de Castro. O primeiro libro que tiven en galego nas miñas mans foi unha obra dela.

-Tradicionalmente na poesía, coma na maioría dos ámbitos, o home levaba a voz cantante, e isto está cambiando grazas ao nacemento de movementos feministas...

-Si, é certo. Temos aínda moito polo que loitar! Aos meus 86 anos non renuncio a estar coa nosa xuventude. Mentres me acepten, o meu berro estará con elas e con eles.

-Falando de feminismo, ¿cre que a loita das mulleres ten que estar presente en máis ámbitos e en máis días que non sexa só o 8 de marzo?

-Por suposto. Non é cuestión dun día, é cuestión de todo o ano e de tódolos anos. Cada vez sinto que medra en min moito máis o feminismo, vendo as cousas que acontecen. É algo arrepiante o caso desa moza violada por cinco monstros. Monstros porque eu non concibo que puideran saír da matriz dunha muller.