Algo do moito que virá nos próximos días de Festiletras, na aldea do Couto

La Voz

CARBALLO

C.VILLAVERDE

16 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A conta atrás rematou. No Couto xa bule a actividade e mesmo dende hai varias xornadas Yoseba MP anda creando vida nun muro. Son os fenómenos do rural. Logo desta xornada inicial, a de hoxe, virán catro días intensos en propostas, destacando mañá e pasado a celebración da primeira edición de Festiciencia, pioneira feira científica na Costa da Morte. Voodoo, o Mago Antón, Fetén Fetén ou Jorge Mira, cunha observacións de estrelas, serán os protagonistas do xoves, o Día da Internet.

Festiciencia é o nome da velada do venres, na que haberá dende un taller co CSI ata unha lembranza do científico cormelán Mosqueira Manso. Xurxo Souto, as Tanxugueiras e Xabi Solano son algúns dos nomes dese día.

Para o sábado quedará o encontro de Aldeas Singulares, as Literatas ou o percorrido de música tradicional Porondeomeucarro pasa. Regueifa, Mounqup, Txarango e Igmig completan a xornada en canto a musicalidade. Botará a andar tamén o sábado a Feira da Artesanía (van 36 edicións) e seguirá o domingo, no que tamén haberá contacontos ou unha ofrenda floral. «Un festón» é como define Sés ao que se aveciña para a mediodía e tarde dese último día de Festiletras. Ás 14.00, Terbutalina e ás 17.00, ela mesma coa súa banda. Adora María Xosé Silvar os concertos de tarde: «Unha cousa que me gusta moito é que haberá moitos nenos. Encántame a rapazada».