«Suplimos tratamentos que non está cubrindo aínda a Seguridade Social»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

CARBALLO

XOAN A. SOLER

A entidade que preside Juan Manuel Lameiro, fundada no ano 2004, incorpora persoas afectadas doutras patoloxías

02 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Asociación galega de linfedema, lipedema, insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías periféricas: este é o novo nome da entidade que persoas afectadas de linfedema constituíron no ano 2004, segundo aprobaron nunha asemblea o sábado en Teo. Acordaron ampliar as novas patoloxías «porque persoas afectadas chegaban a nós en procura dalgunha axuda e, como son patoloxías relacionadas, por iso nos pareceu oportuno traballar conxuntamente», afirma Juan Manuel Lameiro, que lidera esta organización desde os inicios.

O linfedema é unha inflamación que se produce por problemas do sistema linfático, e que se dá en persoas operadas dun cancro de mama ou próstata, unha intervención xinecolóxica, unha parálise ou un accidente, como causas máis frecuentes. O lipedema consiste nunha alteración da graxa corporal, que se acumula na parte inferior do corpo; son dous problemas de saúde que afectan maioritariamente ás mulleres. As insuficiencias venosas son moito máis frecuentes na poboación, aínda que Lameiro indica que só acollen os casos crónicos. «Son patoloxías que están relacionadas, pois persoas afectadas dunha delas poden chegar a padecer outra; e que teñen necesidades de prestacións, como as ortoprotésicas, ou tratamentos, tamén semellantes», indica Lameiro.

Para a Asociación galega de linfedema foi unha prioridade nestes case tres lustros potenciar a atención ao seu colectivo. Tiveron entrevistas coa Consellería de Sanidade, contactaron con entidades de fóra de Galicia e conseguiron avances como unha unidade especial no servizo de rehabilitación do CHUS, no ano 2009.

Lameiro destaca así mesmo a integración, pouco despois, na Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), «que nos presta unha grande axuda, e o seu asesoramento e apoio supuxo para nós case como un antes e un despois. Apreciamos moito a atención na sanidade pública, aínda que non ten suficientes profesionais para dar resposta a todas as nosas necesidades e existen longas listas de espera. É por iso que co noso traballo e xestións suplimos tratamentos que non está cubrindo aínda a Seguridade Social», di Juan Manuel Lameiro.

Resalta en especial a asistencia de fisioterapeutas con especialidade en linfedema: «Grazas a un subsidio que se nos concede pola parte social do IRPF e pola Fundación ONCE podemos favorecer que se traten por profesionais e centros especiais unhas cen persoas con linfedema en diversas localidades galegas. Como as persoas que padecen lipedema e insuficiencia venosa crónica agora non teñen unha oferta así, a nosa intención é traballar para que dispoñan de asesoramento sobre os tratamentos que precisen, indicar onde poden dar con solucións e, en definitiva, contribuír para resolver as súas necesidades», acrecenta o presidente da asociación.

Estes apoios son moi valiosos e interesantes. Porén non resultan suficientes, e teñen outras aspiracións, «en especial que se diagnostiquen ben todas as persoas que padecen estas doenzas, pois moitas están sen diagnosticar e sen recibir tratamento, cando o linfedema pode chegar a ser moi discapacitante e desfigurante, o estado máis grave é a elefantíase», refire Lameiro.

E tamén se preocupan doutros temas de interese, como nutrición e linfedema: ese foi o asunto abordado polo nutricionista Santiago Carro nesta última asemblea, que foi seguida da comida que organizan todos os anos, e para a que viñeron parte das 200 persoas que teñen asociadas en diversas comarcas de Galicia.