En relación á sentenza de La Manada

Manuel Insua

CARBALLO

02 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Compartimos e formamos parte da indignación que senten a maioría de mulleres e homes deste país cunha Xustiza que, neste caso, non nos parece xusta. Este fallo desmonta o inmenso traballo xurídico e político de ter conceptualizado a violencia de xénero como unha parte importantísima da protección das mulleres na democracia. O fallo di que aquí non a houbo. Parécenos unha consideración xurídica dos feitos contraditoria. Se ela dixo que non e houbo abuso, é moi difícil que ese abuso se produza sen ningún tipo de violencia. Parécenos que o relato é incompatible entre o que se tipifica e o fallo, entre outras razóns porque a situación real era a dunha muller contra 5 homes. A posición do ministerio fiscal, que defende no proceso os dereitos de todos e todas, ía nunha dirección distinta a este fallo e parecíanos máis adecuada. Este fallo colócanos nunha revisión lexislativa importante, no ámbito da aplicación da tutela xudicial efectiva para a muller, dereito fundamental das españolas, para que sexa real. O PSOE ten rexistrada no Congreso unha proposición de modificación de Lei orgánica do Poder Xudicial, que vai encamiñada á formación do poder xudicial para facer unha interpretación máis correcta e protectora das leis contra o machismo. Necesitamos que as leis sexan interpretadas con arranxo á realidade, a unha realidade culturalmente machista e discriminatoria contra os dereitos das mulleres. Manuel Insua, coordinador comarcal do PSdeG Costa Atlántica.