«O blues é serio, nós xogamos a imitalo»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CARBALLO

A Bakin Blues Band, que botou a andar como formación na Costa da Morte, celebra este venres dez anos sobre os escenarios cun concerto no Principal de Santiago. Asi fala Javi Turnes, guitarra e voz

18 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres 20 • 20.30 horas • Teatro Principal de Santiago • 5 euros • A primeira actuación da Bakin Blues Band, entonces un cuarteto, foi en El Apolo. Dende aquela pasaron dez anos e a formación compostelá converteuse nun quinteto integrado por Javi Turnes (guitarra e voz), Tato Vázquez (guitarra), Ale Casquero (teclados), Lucas Ferrández (batería) e Fran Sanz (baixo). Os dous primeiros permanecen desde o principio.

-¿Como lembra os inicios ?

-Foi no Nadal do 2008 e empezamos a facer algunhas jam de blues e de música americana nos bares da Costa da Morte. Despois de levar unhas poucas dixemos: «Estaría ben converter isto nunha banda de blues». En Santiago xa había tradición, pero chegamos nun momento no que non había moita música.

-¿Cumpriron as expectativas?

-Nunca tivemos moitas expectativas desde o punto de vista profesional, de aí o nome da banda. Bakin é fornear e cociñar esa música que nos seducía. As cousas foron vindo pouco a pouco, nunca houbo planificación. Iso nótase na forma dos nosos directos e no xeito no que producimos as nosas cousas.

-E chegaron a compartir escenarios con Barbara Lynn ou Bonney Fields. ¿Son os momentos máis inesquecibles?

-Non son os máis, pero si que son inesquecibles porque nós sempre fomos moi humildes coa banda. Entendemos que o blues é unha cousa moi seria e nós simplemente xogamos a imitalo. Entón, poder tocar con xente dese calibre o que fai é achegarte a realidade desa música. Por outro lado, a banda fixo unha residencia prolongada no Dado Dadá e outra no Fraggle, polo que non é tanto ese escenario especial, senón esa constancia de tocar unha e outra vez no mesmo sitio e constatar que a mesma xente te sigue unha semana tras outra. Iso é xerar unha familia e quizais sexa o máis entrañable.

-Este venres non estarán vostedes solos no repaso.

-Queremos mostrar como nese ir tocando por aí se foron unindo colaboradores e como nestes últimos dous discos a Bakin pode ser unha banda de dez. Seremos quince músicos os que pasaremos polo escenario. Entre eles, Carla Green, Javi Gradín, Olivier Cano, Maikel Rojo e Martiño D. Mato. A Bakin é a nosa casa e a ela fóronselle sumando diferentes habitacións nestes anos.

-Tamén presentarán o disco «Ten long years» no que recollen temas destacados. ¿Foi difícil a selección?

-A maior dificultade foi encontrar gravacións de calidade en directo. Son quince cancións que sempre estiveron no noso repertorio.

-Despois disto, ¿como mira ao futuro a banda?

-Penso que imos seguir coa mesma lóxica que traiamos ata agora. Xa se verá. Non nos plantexamos nada especial máis que seguir xuntándonos a tocar. O soño sería tocar nun gran festival, como o de Hondarribia ou Béjar.

-¿É a primeira vez que tocan no Teatro Principal?

-Si. Fainos ilusión porque é un lugar emblemático de Santiago e non estamos acostumados a estes escenarios. O que intentaremos é trasladar ese concepto de concerto de local e de garito a un teatro. Como é habitual que a xente baile nos nosos concertos xa nos preguntan: «¿Poderemos bailar?». E claro que intentaremos que poidan levantarse. Despois, para seguir coa idea dos nosos concertos, haberá unha jam no Dado Dadá.