«Non podemos crer que a praga doutro continente nunca nos vai chegar aquí»

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O enxeñeiro Juan Carlos Lauroba advirte dos riscos do mundo globalizado e chama á conciencia social como mellor arma de prevención

15 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O enxeñeiro agrónomo Juan Carlos Lauroba Sánchez, técnico da oficina de Extensión Agraria de Baio, ademais de micólogo -entre outras cousas-, é un especialista en sanidade vexetal, e tamén un dos funcionarios encargados tanto de atender aos veciños pola couza guatemalteca como de impartir algunhas das charlas sobre esta praga da pataca que se estiveron dando polos concellos da zona.

-¿Por que non se lle presta a mesma atención á sanidade vexetal que a tuberculose ou ao mal das vacas tolas, por exemplo?

-Aténdese ás cousas máis visibles e outras, aínda sendo básicas, quedan máis de lado. A agricultura é a base, se iso falla, falla todo.

-¿Estamos especialmente expostos á propagación de pragas?

-Na couza, como noutras pragas, vemos que se propagan de forman rápida. Non podemos pensar que algo porque estea noutro continente ou noutro país non nos vai chegar aquí. Non estamos nos tempos de hai 50 ou 100 anos cando para os nosos pais ou os nosos avós ir á Coruña era facer unha viaxe. Hoxe hai xente da Costa da Morte que vai e vén traballar todos os días. Existe moitísima más integración a nivel mundial. Por exemplo, todo o que se produce en China chega a nós. As pragas poden vir de polisón en vehículos, barcos... É moito máis difícil illalas. Na Unión Europea xa non hai inspeccións nas fronteiras. É moito máis complicado loitar contra isto. A globalización do comercio é cada vez maior. Máis que un tema de inspeccións eu penso que é cuestión de conciencia social.

-¿Inflúe máis isto, a destrución dos hábitat ou a introdución de especies foráneas por parte de persoas particulares?

-Son dúas cousas que van ligadas, moitas veces pola ignorancia das consecuencias. Eu creo que, en xeral, non se fai de maneira intencionada. O problema está en que a conciencia solo vén cando hai un desastre. A situación dende o punto de vista social é moi complexa porque non se toman as decisións. É como se ves que teu primo faleceu nun accidente de tráfico e non pos o cinto. As necesidades educativas son obvias, porque, coa carga de xente que hai no mundo, a capacidade de contaminar é enorme. Os nosos avós tiñan un carro de vacas e agora en cada casa hai como mínimo un coche. Ademais hai que ter en conta que en países do terceiro mundo, poñamos por caso China ou a India, con miles de millóns de habitantes, estanse achegando a niveis de clases sociais medias, co que iso significa en consumo e contaminación, aínda que tampouco se trata de ser negativo. Eu tento non selo

-¿Como inflúe a proliferación dos monocultivos e a marxinación de especies autóctonas?

-Ese é un dos problemas fundamentais. Por iso son tan importantes os bancos de xermoplasma, para que sexamos capaces de producir plantas que teñen principios activos que hoxe en día non están contemplados e que no futuro nos poden servir para tratar o cancro ou o Alzheimer. Os monocultivos naceron para alimentar a unha poboación famenta despois da Segunda Guerra Mundial. O problema non era tanto de calidade como de cantidade. Buscouse nutrir de maneira rápida e en abundancia sen pensar nas consecuencias e introducíronse especies en detrimento de outras que si tiñan uns principios activos interesantes. Ademais, iso precisou dun gran gasto de combustible e fitosanitarios que non se tiveron en conta. Apareceron os organdourados, os organofosforados... e tampouco se tomaban as mínimas precaucións. Lavábase a cara con DDT [un potente insecticida], o cal é unha auténtica animalada.

«Unha soa persoa que non faga as cousas ben chega para botar abaixo todo o traballo contra a couza da pataca»

Lauroba advirte sobre o abuso dos químicos na terra e reclama responsabilidade da xente para atallar a couza da pataca.

-¿Non é un exceso queimar as leiras antes de botar o millo?

-O último decreto do 2012 sobre o uso sostible dos fitosanitarios o primeiro que fai e recomendar medios mecánicos antes ca químicos, aínda sabendo que a contaminación cero é moi difícil porque un tractor tamén emite dióxido de carbono e amoníaco. Supoño que te refires ao glifosato, que está moi cuestionado e existen prohibicións e moratorias en varios países, aínda que tamén hai moitos intereses económicos detrás. Claro que se fai un uso abusivo, porque a priori é un xeito de traballar máis barato e rápido, aínda que, se fas as contas, moitas veces o barato sae caro. Fronte a esta intensificación de cultivos tamén existe unha demanda crecente de alimentos sans. Consumidores que pensan no medio ambiente e no benestar animal, unha demanda de produtos verdes, porque se decido consumir produtos de orixe animal non é o mesmo que veñan de gaiolas ou de pasto. Ademais a poboación cada vez está máis envellecida. Eu, que xa teño unha idade, non preciso tanta proteína como cando era máis novo. Tampouco se trata de dar unha visión catastrofista, senón de que cada un elixa en base á súa situación e a súa conciencia.

-¿Supón un mazazo para os profesionais como vostede que traballan nisto o salto da couza da pataca a Muxía?

-Supón un mazazo para todos porque a pataca galega sabe moi ben. Non hai en toda España pataca como a nosa. Ademais é algo moi ligado á nosa cultura, tanto aos usos sociais como aos gastronómicos. A ver como lle dis ti ao veciño que non pode botar medio ferrado de patacas. Neste caso actuouse con moitísima rapidez sacando o decreto e poñendo a xente a traballar. Pero algo no que temos que implicarnos todos. Non se trata de poñer controis da Garda Civil a abrir os maleteiros porque iso non lle gustaría a ninguén. Temos a vantaxe de que a couza só se alimenta do tubérculo. Se non come, en dous anos erradicámola. O problema está en se sacamos patacas da zona infestada para fóra. Unha soa persoa que faga as cousas mal chega para botar abaixo todo o traballo feito.