«O noso ouro, o noso incenso e a nosa mirra da memoria laica»

Texto lido polo autor, onte na Coruña, no acto de nomeamento como Republicano de Honra a Pepe Miñones

.

A historia do corcubionés Pepe Miñones, o Republicano de Honra 2018, é unha historia dura, e precisamente en 1936 vivía aquí na Coruña nesta mesma rúa Tabernas, no número 20-3º, case en fronte a este nobre edificio no que hoxe estamos reunidos para recordalo. Pero agora non vou apuntar a súa biografía social, empresarial ou política, que xa figura no tríptico que entregaron os organizadores.

Polo seu status social e económico dentro da sociedade que lle tocou vivir, Pepe Miñones provocou un certo receo en determinados sectores da esquerda máis radical, maioritariamente de conciencia libertaria, que deron por desconfiar das súas conviccións éticas e políticas, aínda que el era un home progresista moi próximo ás clases traballadoras, en xeral.

Dito isto, permítanme que prescinda das miñas propias palabras e acuda a un punto de vista sobre o hoxe homenaxeado: o de Silvio Santiago, personaxe contemporáneo do corcubionés que o reflectiu cun pequeno retrato no seu libro, un relato biográfico novelado titulado O silencio redimido, páxinas 229 e 230, da edición de Galaxia, que fan referencia á estancia na Prisión Provincial da Coruña -Silvio disfrázaa, chamándolle Portoledo- cando tivo un pouco máis de perspectiva, referíndose, sen citalo, ao corcubionés:

«Os personaxes máis notables de Portoledo -refírese, como dixemos, A Coruña-, contrarios ó Movemento, xa desfilaran pola prisión antes de eu chegar. Cando entrei, só quedaba un, condenado a morte e pechado nunha cela. Era deputado e home de negocios, e máis ben de dereitas. Moi católico. Desapareceu ós poucos días sen eu ter ocasión de velo. Despois de ser fusilado, todos os reclusos recoñecían que, como deputado, como home de negocios, como católico e como persoa era un home de ben, honesto e leal.

Este personaxe, coma tantos outros, precisou morrer do xeito que morreu para ser louvado unanimemente, para convir nas súas virtudes e na súa nobleza. Dá xenreira verificar que os mal pensados, os maliciosos, os aduaneiros de morais alleas, esixen estas funestas testemuñas para taxar con equidade as condutas e os pensamentos dos demais. E aproveito para confesarme tamén responsable dun destes pecados de atrevida suspicacia ou de inxusta desconfianza, que de cando en cando aínda me causa desacougos».

Ese, do que escribiu con tinta amarga Sílvio Santiago, foi Pepe Miñones, asasinado polos fascistas en decembro de 1936 nun final infeliz e amargo; tan amargo que dúas noites antes de ser fusilado, escribiu:

«Desde o 27 de outubro, data en que me condenaron, vivín, aínda 33 días. ¡Terrible cifra 33, que se repite nas miñas amarguras! Esta noite parece ser que se termina a miña vida.

O día 21 deste mes incomunicáronme de novo. O 22 saímos ao patio nove condenados a morte, sós, durante media hora. O 23 só saímos 4 -executaran a 5-; o 24 só saímos 2 -executaran aos outros dous-. Quedabamos, pois, ese día, o alcalde de Sada e eu. Ao alcalde de Sada levárono da miña propia cela, para fusilalo o día 27 de madrugada (ás 4 da mañá). ¡Que terribles momentos pasei! Agora tócame a min; e atópome quizá máis sereno que cando vin a desgraza dos demais ao meu mesmo lado, durante estes catro meses de calvario. Creo, malia todo, que a miña cruz foi a maior. ¡Deus perdoe aos que me fixeron tanto mal!».

«Perdoando morreu»

E perdoando morreu. E, hoxe, aquí, nesta nobre casa da Real Academia Galega, volve Pepe Miñones a ocupar o primeiro plano da actualidade. El, é, pois, o noso ouro, o noso incenso e a nosa mirra da memoria laica, da memoria republicana. Entre todos nós, no fondo estamos a darlle vida por segunda vez, e facemos que Pepe Miñones non morra do todo. Para darnos exemplo.

E, con isto, está todo dito. Este foi o home que hoxe recordamos e homenaxeamos.

Moitas grazas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«O noso ouro, o noso incenso e a nosa mirra da memoria laica»