«De ver unha cicloxénese no mapa a vela dende dentro... cambia a cousa»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA FOZ / LA VOZ

CARBALLO

XOAN A. SOLER

Natural de Lamas-Zas, xornalista, é unha das mulleres do tempo

06 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha das mulleres do tempo da TVG. A xornalista Mabel Montes (parroquia de Lamas, Zas; 42 anos) imparte hoxe unha charla na Mariña lucense a alumnos de varios institutos para explicarlles os pormenores da previsión do tempo na cadea autonómica. «Son charlas -explica- que fai o equipo do tempo da TVG para falar de meteoroloxía e comunicación, adaptándonos ao nivel dos rapaces. Como eles adoitan ter unha formación moi básica en conceptos como o clima e a meteoroloxía, os profesores aproveitan que nos desprazamos para complementar a actividade. Nós amosamos os modelos meteorolóxicos que utilizan as distintas axencias; son de fácil consulta, algúns interactivos, explicamos que son, en que consisten, falamos dos mapas de previsión... E tamén lles pedimos aos nenos e rapaces que fagan de homes e mulleres do tempo. Aí sóltanse bastante e failles moita graza. Ata che din ‘ata mañá!’ cando rematan».

-Que outras cousas lles interesa?

-Poñémoslles imaxes de satélite da península ibérica. Iso chámalles a atención, as webcam que tén a TVG distribuídas por aí... Ensinámoslles Manzaneda porque adoitan interesarse por saber se hai neve... Pero o que máis lles interesa é saber do tempo para a fin de semana na localidade onde estamos. En Galicia, o tempo vai por parroquias e cada zona ten un comportamento distinto. Da Mariña os exemplos que utilizo son A Serra do Xistral, A Gañidoira... Aí funcionades ao revés do resto de Galicia.

-E da península a veces. Unha vez vindo do Algarve foi todo sol, sol, sol... ata chegar á Gañidoira. Entón, nubes, nubes, nubes...

-En canto empezas a pasar por O Fiouco dáste conta de que entras nun mundo distinto. É como a ‘república independente da meteoroloxía de Galicia’ (rimos).

-Fanlle eles preguntas raras?

-Moitos fanas relativas á comunicación en televisión, quen nos viste, como nos visten, como sabemos o que temos que dicir, se lemos o texto nalgún lado... No traballo dos presentadores do tempo os mapas é o que nos serve para artellar o discurso. Tamén moitos nenos, sobre todo os das zonas rurais que se crían con avós dinche cousas como ‘meu avó di que se empeza a chover en abril remata chovendo’. Quero dicir que tiran de cultura popular e téñena máis presente.

-Os homes e mulleres do tempo son tamén os avós e avoas.

-Era por observación pura e dura, igual que agora. Evidentemente, os modelos de previsión son hoxe ferramentas sofisticadísimas que teñen que ver con cálculos matemáticos que fan ordenadores. Pero antes, cando iso non existía, era mirar pola fiestra para o ceo. Os maiores artellaban bastantes pronósticos e atinaban bastante.

-Párana pola rúa para consultarlle que tempo vai facer?

-Si, pregúntanme. O Tempo é tamén dos espazos máis vistos. E é algo que nos sorprende porque case todo o mundo mira hoxe o móbil, pero hai xente que prefire que llo conten na tele. Non é só que sexa dos máis vistos, tamén hai moitos espazos que falan do tempo. Estamos na sopa!

-Antes dicíame que cando os pequenos facían de mulleres e homes do tempo ao final das súas charlas acababan cun «ata mañá!». Lembroume moito a Pemán, que sería o «pai» dos xornalistas do tempo, non?

-O «pai» en Galicia, sen dúbida. Segue a ser unha experiencia de mito popular e mira que se acaba de retirar, que senón seguiría ao pé do canón. Agora estamos nós, pero o que empeza sempre é o que abre camiño. E cando el empezaba non había as ferramentas de hoxe. Tamén tiña unha experiencia bastísima sobre a cultura do campo e do mar.

-Algunha vez tivo tamén algún que outro tropezo á hora de dar a previsión?

-Mil veces. Hai que pensar que traballas con programas e tecnoloxía e evidentemente tamén hai «trasnos meteorolóxicos», tamén sufrimos o efecto das treboadas cando se vai a luz. Lembro, cando se empezaba a utilizar o termo de cicloxénese explosiva. A primeira que o falou diso foi Beatriz Hervella. A expresión utilizábase con cautela pero agora acompáñanos no día a día. Unha vez, ao vir en avión a Santiago e chegar a Galicia, metémonos de cheo nos efectos nunha desas cicloxéneses. Paseino moi mal. Son temporais máis duros. Estamos acostumados a velas debuxadas nun mapa pero ao vela dende dentro... cambia a cousa.

«En Galicia, o tempo vai por parroquias e cada zona ten un comportamento»