«Hoxe en día parece que Google sabe moito máis que os propios médicos»

A psiquiatra pontecesá Tania Rodríguez Barca impartiu onte unha charla sobre drogas brandas no IES Eduardo Pondal


Carballo / La Voz

Formada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, a pontecesá Tania Rodríguez Barca (A Graña, 1987) está especializada na psiquiatría dende hai seis anos. Ademais de traballar na Unidade de Condutas Aditivas de Ferrol, exerce tamén nunha clínica privada.

-Onte estivo polo instituto pontecesán falando cos rapaces.

-Si, estiven desmontando con eles esas falsas crenzas e mitos diversos que teñen sobre as drogas máis consumidas na adolescencia: tabaco, alcohol e haxix.

-Considéranas moito menos perigosas que outras substancias.

-Exacto. Co tabaco, co alcohol e mesmo co cánnabis eles teñen a sensación de ser drogas brandas. Teñen moi asimilado que a heroína é unha droga moi perigosa e que mesmo poden morrer cunha sobredose ou padecer VIH. Porén, coa máis consumida, que é o alcohol, a sensación de risco para eles é cero. Iso de saír a fin de semana e beber... Para eles hai moitas cousas peores.

-A adolescencia é unha etapa complicada, chea de moitas «primeiras veces» para eles.

-O máis consumido entre os 14 e 18 anos é o alcohol, con moita diferenza; despois virían outras substancias. Pero é nesa idade cando os mozos comezan a beber e a fumar, principalmente.

-O aspecto social é destacable.

-Si o é, pero tamén ten que ver a propia adolescencia. Esa busca de experiencias novas, esa falta de sensación de risco... Si que é certo que non consumen con frecuencia, pero algo proban.

-Unha vez que se proba, resulta difícil que non se volva regular.

-Un cando comeza a fumar rematará sendo adicto case seguro, xa que o tabaco é das drogas máis aditivas que hai. Ademais, se temos en conta que o cerebro destes rapaces está en pleno desenvolvemento, pois todo o que se metan agora terá consecuencias non só nese momento, senón tamén a longo prazo.

-¿A nivel físico de qué maneira pode prexudicar?

-Pois a case tódolos niveis. O alcohol afecta a nivel hepático, ao fígado e ao cerebro. O tabaco pode derivar en bronquites, en diferentes tipos de cancro e mesmo en problemas de disfunción sexual. O cánnabis pode derivar en fracaso escolar, dificultades na aprendizaxe, problemas de relación social e de memoria... Moitas consecuencias ten o consumo de drogas, tanto no factor físico como no psicolóxico.

-¿Están ben informados?

-O que si que é curioso é que os mitos e malas concepcións que traen son sempre os mesmos, non varían moito dun ano para o outro. Sobre todo o que noto é unha gran falta de conciencia de risco co alcohol e co tabaco, sobre todo.

-¿E en canto ao cánnabis?

-Nese caso refúxianse na idea de: «Pois se se utiliza con fins terapéuticos, non debe ser tan malo». Por ese motivo creo que é indispensable dar ese tipo de charlas, polo menos para que haxa un profesional sanitario que llelo diga todo con claridade, porque despois métense na rede e atópanse con todo tipo de mentiras.

-Internet, fonte de sabedoría.

-Efectivamente. Hoxe en día parece que Google sabe máis que os propios médicos, mesmo che dá o diagnóstico feito na man.

-¿Con qué tipo de adictos se atopa máis frecuentemente?

-Cada vez vense máis rapaces novos consumidores de haxix e de marihuana, o que para eles é a droga da paz. E en idades máis elevadas predomina a cocaína.

-¿Qué medidas se deberían implementar neste sentido?

-Pois sobre todo a nivel tráfico están aumentando moito as multas, algo positivo de cara ao consumo de alcohol. Pero eu creo que o que hai que facer é moito labor de prevención: entrar nas aulas e falarlles moi claramente. Queiras que non, que un médico lles diga todos os riscos que pode entrañar o consumo de drogas, ao final algo calla. Nótalo nas súas caras, ves cómo se sorprenden cando lles falas de que o tabaco é unha causa de cancro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«Hoxe en día parece que Google sabe moito máis que os propios médicos»