A xente que sostén o rural

CARBALLO

05 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aveces paso, saludo al paciente y le doy cariño, que es importante», dicía onte o médico do Bolo, Manuel Rey Rionegro, na Voz. Ás veces só pasa para saudar. ¿Só? Nun tempo no que andamos sempre ás presas, no que moitas veces non temos tempo para os nosos... hai quen se para a falar. Tranquilamente. Non custa imaxinar a Rey Rionegro botando unha parrafeada sen présa por marchar. Non é o traballo dun médico, certo, se miramos só no sentido das estatísticas e o número de doentes por cota e todo iso... pero é unha faceta precisa moitas veces. A del e a de moitos outros. ¿Cantas veces non ten sido o repartidor do butano, por exemplo, o que se dá conta de que algo pasa nunha casa porque hai días que non ve a ese veciño que vive só e non anda moi ben de saúde? ¿Cantas veces non ten sido o panadeiro o que alerta dunha situación de emerxencia? Son moitas as persoas que no seu traballo do día a día recorren o rural da Costa da Morte. Si, van para traballar, pero fan moito máis ca iso. Avisan de que algo pasa, dan conversa a xente que non ten moito con quen falar porque nas aldeas cada vez queda menos xente, e fan tamén que o rural non esmoreza. Ou, polo menos, que ese proceso vaia máis lento. Pero Rey Rionegro tamén alertaba doutra cousa: cando está de garda, ocúpase de dous concellos. Malo do veciño dun que sufra un infarto no momento en que o médico está no outro lado. Porque por moito que haxa de correr, ou a cousa non estaba para el (como dirían os vellos) ou con esas estradas, rápido non chega. Pero claro, as estatísticas din que para a cota que hai, é suficiente.