«A pataca móvena, non é que a couza se desprazase a estas distancias»

A responsable do combate da praga en Medio Rural, Belén do Campo, insiste moito na necesidade de que os veciños colaboren

.

Cee / La Voz

Belén María do Campo Piñeiro (A Coruña, 1963) é unha dos altos cargos da Xunta máis coñecida na Costa da Morte, porque desempeñou antes de Ovidio Rodeiro o cargo de delegada territorial na provincia. Agora, como directora xeral de Agricultura, Gandaría e Industrias Agroalimentarias, volve ao contacto máis directo coa Costa da Morte debido á praga da couza guatemalteca que afecta á pataca.

?¿Considera tanto ou máis importante o control das zonas tampón que o da infestada?

?Na zona infestada o que hai que facer é esa retirada, xa non hai máis, independentemente de que despois nós sigamos facendo eses trampeos para ver se sigue ou non iso aí. O verdadeiramente importante é que a xente que teña plantado, semente ou pataca da tempada anterior faga esa declaración para nós saber nese dispositivo que imos facer para retirar toda a pataca dese Concello. Agora centrámonos nas zonas tampón para que a xente saiba e para que, ao mellor, alguén poida identificar algo e diga: «pola descrición que me dá, pode ser isto ou non, ou nunca vimos iso». Que siga as recomendacións e tamén que nos diga o que ten plantado para nós saber sobre o terreo e estar moi vixiantes. A colaboración dos veciños é fundamental.

?¿Descartaouse que as patacas saídas para Corcubión ou Santander da casa que deu o aviso fosen plantadas?

?Nós fixemos o que tiñamos que facer: demos comunicación ao Ministerio. Isto é un praga de corentena de xa vén estipulado a nivel europeo. Os técnicos tamén falaron co propio señor, que lle dixo que as patacas que lle dera [a su pariente cántabra] un poucos quilos de pataca, non sei se era medio saco ou así, para consumo. Pola que información que trasladaron foi no 2016 non neste ano. Creo que non era o caso dunha zona rural ou que tivese sitio para plantalas. De todos xeitos seguimos o protocolo correcto e demos traslado e comunicación.

?¿Pódese determinar o tempo que leva a praga en Muxía?

?A día de hoxe non o sabemos. Deixamos que os técnicos vaian indagando e vaian sabendo se o que empregaron era pataca de semente certificada, que é o que estamos recomendando. Despois teremos que ver se houbo algún nexo en común, algún movemento... para poder determinar se puido vir nun barco, por estrada... O que din os nosos técnicos é que non se move unha couza por si a esas distancias, porque os desprazamentos son moi curtiños. A pataca móvena, non é que a couza se desprace a estas distancias.

?¿Que información lle ofrecen as trampas aos técnicos?

?En base a esas trampas teñen que analizar, porque as veces poden ir outro tipo de insectos, incluso outro tipo de couza que non é a guatemalteca. Aí é onde o traballo dos técnicos e do laboratorio fitopatolóxico define que especie é en cada momento.

?¿Pensaron no impacto socioeconómico máis aló das indemnizacións xa fixadas?

?O que pase nos concellos da Costa da Morte penso que é exactamente igual que o que pasou en Fene, Ortigueira en Burela ou en concellos de Asturias. O real decreto fala de indemnizacións e, cando xurdiu o problema, conxuntamente coa comunidade de Asturias sentámonos para ver de que maneira tiñamos que indemnizar. Entendemos que por un lado á pataca de semente certificada que xa tiñan mercada. Despois esa pataca de consumo que tiñan producida da súa propia explotación e despois as fincas que xa estaban plantadas e que había que pagar. Estou falando de concellos de zona infestada, como pode ser neste caso o de Muxía. Aí valorouse a nivel técnico de que maneira iamos actuar en función dos prezos de mercado. Quedamos en que pola se semente certificada ían ser 0,70 euros quilo, para a de autoconsumo, 0,30, e 0,40 por metro cadrado plantado. E despois aos almacéns comerciais.

Do Campo recoñece que o medo de que salta a Coristanco ou a A Limia está aí e por iso as medidas son máis restritivas.

?¿Temen que poida chegar a algunha zona crítica como Bergantiños ou A Limia?

?O medo é libre. Xa non é medo é preocupación e por iso dende o primeiro momento tentamos establecer que ese trampeo non se quedase simplemente nas zonas que nese momento estaban como infestada e como tampón, senón que repartimos máis de un millar de trampas en toda a xeografía galega, en zonas con Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, que é algo que sempre me gusta destacar que temos. Por esa responsabilidade queríamos ir máis aló do que era o real decreto. Iso supoñía que en vez de que a nosa zona tampón tivese un quilómetro, ampliar a cinco. Entendemos que había que garantir máis e por iso en vez de quedarnos nun quilómetro en torno ao punto declaramos zona infestada todo o concello. Actuamos con decisión e por responsabilidade sabendo o que nos xogamos, que a pataca é un produto importante para Galicia, que moita xente traballa neste sector, sen minguar para nada a importancia que ten para moitas persoas que plantan as súas patacas, como plantan as súas leitugas, as súas cebolas ou os seus tomates, porque é algo que está moi arraigado nas costumes dos galegos, para ti, para a túa familia. Claro que sentimos ese prexuízo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«A pataca móvena, non é que a couza se desprazase a estas distancias»