Unha oportunidade e unha nova vida en Irlanda

Belén Pose Suárez

CARBALLO

21 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai tan só oito meses que levo vivindo fóra de Galicia, nun país co que no fondo temos un parecido, Irlanda. Todo comezou cando o meu período universitario rematou e tocaba decidir que facer coa miña vida. Decidín non poñer barreiras na busca de emprego, e comecei a enviar currículos (ou, como di meu avó, burriquitos) non só en España, senón tamén en diversos países de Europa.

Despois de moitas entrevistas, Irlanda ofrecíame unha moi boa oportunidade para comezar como enxeñeira de camiños, así que alá fun á aventura. Non era a primeira vez que saía fóra de casa, así que ía bastante decidida. Pero chegado o momento, eses nervios cando colles o avión son inevitables e xorden as dúbidas: estou tomando a decisión correcta? De verdade merece a pena estar lonxe dos amigos e da familia?

Os comezos nunca son sinxelos, atopar aloxamento en Dublín non foi tarefa fácil nin tampouco todo o papelame necesario para poder traballar no país. Pero pouco a pouco ía conseguindo aclararme, e sobre todo grazas aos irlandeses, xente moi acolledora e sempre disposta a axudar no que necesites.

Estar fóra de casa é duro, e non vou mentir, esa empanada acabada de facer esperando por un ao volver de traballar bótase de menos. Aínda así, non me arrepinto para nada da miña decisión e síntome moi afortunada de poder ter esta oportunidade para exercer como enxeñeira.

Penso que vivir fóra unha temporada faiche valorar cousas que antes nin sequera sabías que botarías de menos. Coñeces xente e culturas tan diferentes que che fai cambiar moito a forma de pensar. Tamén te decatas de que España é un país incrible e que moitas veces non valoramos o que temos, aínda que agora mesmo as condicións laborais non sexan as mellores. Porque a realidade está aí, e é moita a xente preparada e con idiomas que se ten que ir do país buscando unhas mellores expectativas.

Se teño que pensar no futuro, gustaríame que esta experiencia en Irlanda non durase para sempre, á fin e ao cabo son galega e teño morriña.

Nalgún momento gustaríame volver a Galicia, como tantos outros galegos polo mundo. Pero mentres tanto gústame vivir o presente e aproveitar o máximo posible esta experiencia.