Mario Romero: «Pasarei o martes por quirófano e non sei canto vou estar sen xogar»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

«O Baio significa todo para min. Por nada o quero deixar. Pero estes contratempos son o que máis te frean»

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mario Romero Rodríguez (Baio, 1983) ten agora 34 anos e leva 25 xogando co Baio. É, así, un dos xogadores máis veteranos do equipo xunto con Ramón Gómez e Martín Pérez e, aínda que actualmente é defensa titular, pasou por tódalas posicións. Na xornada desta fin de semana foi sorprendido por un golpe no nariz que o apartará un tempo do fútbol, xusto no momento en que o equipo branquiazul máis o necesita.

-¿En que momento sufriu vostede a lesión?

-No minuto 70, Norberto e mais eu estabamos apertando a un rival, e el empuxou o brazo cara a atrás e deume na cara. Xa na primeira parte me dera un rival no mesmo sitio e sangrara moito. Pero foi no segundo golpe cando xa notei no momento que estaba roto.

-¿É a primeira lesión grave que sofre no terreo de xogo?

-É a segunda. A primeira tívena hai dous anos. Unha escordadura de nocello grave con rotura de ligamentos. Estiven oito meses apartado. Neste caso pasarei o martes por quirófano e non sei canto tempo vou estar sen xogar, pero mínimo un mes.

-Vai ser baixa nun momento difícil para o equipo, pois está a dous puntos do descenso.

-Estas cousas sempre veñen no peor momento. O equipo está mal e espero que sexan capaces de saír adiante sen min, porque á parte, para o seguinte partido, hai tamén dous defensas que non van poder disputalo por acumulación de tarxetas.

-Levan sete xornadas consecutivas sen gañar. Vostede, como veterano do grupo, ¿como ve ó equipo esta tempada?

-Os partidos estanse pelexando e nunca recibimos unha malleira. Pero estanos faltando algo para poder puntuar que aínda non sabemos moi ben o que é.

-¿É posible a permanencia?

-Si, eu creo que si. Non vai estar fácil, pero hai que traballar e sacar os partidos adiante.

-Non é moi común botar tantos anos nun mesmo club. ¿Cal é o motivo?

-Sigo porque me gusta moito xogar e por nada o quero deixar. Pero estes contratempos [as lesións] son o que máis te frean, máis que nada porque tamén hai que traballar.

-¿Vai seguir entón ata que o corpo aguante?

-Iso tiña pensado, pero con esta lesión voulle dar voltas ó tema cando remate a campaña.

-¿Como o vive agora?

-Coma o primeiro día, moi intensamente. Os anos non pasan por min mentalmente. Fisicamente, si. O Baio significa todo para min. Moito. Dende os dez anos adestrando todas as semanas... Non o fago por coidarme, senón porque me encanta.

-¿Que opina sobre o último partido contra o líder Agolada no seu campo?

-Tiveron eles o dominio do xogo aínda que sen crear perigo. Pero nun saque de falta no minuto 36 peitearon un balón que quedou morto no medio da área e marcaron o 1 a 0. Na metade da segunda parte tivemos unha ocasión moi boa de Moreno para empatar que non conseguiu entrar. E xa ó final, nós envorcados para conseguilo, apuntaron eles o 2 a 0.