«É o conto de nunca acabar, pero a forza de ser pesados conseguirémolo»

Dende o colexio ourensán Divina Pastora limpan espazos públicos, fan compost, coidan árbores e incluso conciencian. Explícao Gonzalo Sánchez, un dos docentes.


carballo/ la voz

Repítese unha e outra vez a importancia de educar dende a base, de incidir na educación ambiental dos máis pequenos. Hai persoas que isto téñeno claro, así é o caso de Gonzalo Sánchez (Ourense, 1964), profesor do colexio Divina Pastora de Ourense, coordinador do programa Recíclate con Sogama.

-¿De onde vén a implicación co coidado do medio ambiente no centro onde imparte clase?

-Pois, modestia a parte, vén de lonxe. Xa somos alguén no eido do medio ambiente. A principios de febreiro de feito estivemos expoñendo en Madrid os 20 anos da Ecovixiancia, onde contamos todos os pasos que seguimos para chegar ao que modestamente somos hoxe.

-Participan en «Recíclate con Sogama». ¿Qué poden dicir disto?

-Somos nisto un centro veterano. A través dunhas illas de reciclaxe que Sogama pon no noso centro os rapaces sensibilízanse e reciclan. E ademais reciben educación sobre as pilas, nocións sobre os puntos limpos, etcétera. Tratamos en definitiva de formar futuros cidadáns.

-Tamén son incondicionais do programa nacional Libera, un proxecto promovido pola ONG Seo/Birdlife en alianza con Ecombes.

-Efectivamente. No mes de marzo imos facer un metro cadrado polos encoros. O noso patio está rodeado de cemento así que os rapaces saen á natureza e imos limpar os arredores da presa de Velle. Pasaremos hora e media con esta magnífica organización eliminando iso que agora se chama littering. Este deporte que ten moita xente maleducada que deixa todo no monte, pensan que o monte é un gran vertedoiro, co pouco que custaría retornalo e depositalo nos contedores que hai por todas partes.

-¿Fan traballo de investigación e análise de datos de residuos recollidos?

-Si. Facemos unha aprendizaxe baseada en proxectos. Neste caso cos rapaces de todo segundo da ESO, estudamos polos seus barrios que tipo de contedores había, que carencias había, como estaban... Despois diso, de facer un traballo de campo bonito, fomos alí co alcalde, Jesús Vázquez Abad, e puxémolo ao tanto das conclusións. Peinamos todo Ourense e puidemos constatar que, malia que hai carencias, a cidade de Ourense ten unha saúde ambiental bastante boa.

-Levan a cabo varias limpezas de espazos públicos.

-Si, por exemplo, en colaboración con outras asociacións para sumar esforzos, a principios de febreiro fomos disfrazados ao campus de Ourense a recoller cabichas, que teñen ese acetato de celulosa que non é biodegradable e afea tanto a paisaxe. Uns vinte rapaces recolleron coas súas luvas pola zona do campus baixo a mirada dos estudantes que véndonos alí deslombados botan un cigarro e a cabicha volve ao chan. É o conto de nunca acabar pero a forza de ser pesados conseguirémolo, acabaremos con esta lacra. Polas cabichas mesmo chegamos a manifestarnos polas rúas de Ourense. A xente, un tanto, estupefacta escoitaba mensaxes para promover máis limpeza, e para que as cabichas vaian as papeleiras.

-¿No medio da reciclaxe hai tempo para a reutilización creativa?

-Fixemos un belén que foi a envexa de todo Ourense. Este ano por primeira vez utilizamos material de refugallo. En función das idades fixeron unhas cousas ou outras. Foi moi visitado, todo un éxito. Participou practicamente o 100% do colexio, que tamén é moi importante.

O Sagrado Corazón pasa a cuartos de final 

No Ecopreguntoiro que se emitiu o pasado venres enfrontábanse os colexios Sagrado Corazón Placeres, en Lourizán (Pontevedra) e o CEIP Ramón de Valenzuela, en Bandeira (Pontevedra). Os gañadores foron os rapaces de Lourizán. Pola banda do Sagrado Corazón participaron Nicolás Parada, Inés Rey, Pablo Paz, Mar Acuña e Julián Pazos. En fronte estaban Mateo Fernández, Rubén Fran, Pablo Molinos, José Marcos e Mikaela López. foto Ramón Leiro

Seleccionados 62 novos «Proxectos Clima»

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente seleccionou 62 novos Proxectos Clima, isto é, proxectos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Así se podemos ler na web de Sogama, onde tamén se pode coñecer que están baseados no «incentivo que ofrece un pago por tonelada de CO2 equivalente reducida e verificada que o FES-C02 realiza aos promotores seleccionados». Deste xeito avánzase cara a redución de emisións en varios sectores.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«É o conto de nunca acabar, pero a forza de ser pesados conseguirémolo»