«Coa lesión, cada día converteuse nun reto de supervivencia»

F. Rodríguez / T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

«Se non fose polos fisioterapeutas e a axuda dos lugareños coa gasolina non remataría o Dakar», relató Fran Gómez Pallas

26 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Fran Gómez Pallas (Caracas, 1969) pasou onte polos micrófonos de Radio Voz Bergantiños para falar da súa aventura no Dakar, proba que rematou nun máis que meritorio 76.º lugar. Foi a súa sétima cita, das cales cruzou a liña de meta final en catro.

-Logrou desfacer o empate entre probas rematadas e as que non.

-O Dakar complicóuseme moito cando na cuarta etapa recibín unha pedrada doutra moto que me precedía. Golpeoume no pulso, inchoume moito a man, que ata se durmía co esforzo.

-Para colmo non contou coa loxística dos grandes participantes.

-Eramos un equipo pequeno e humilde. O imprescindible e xusto para poder estar. Dende a cuarta etapa cambiou o rali para min. Levaba un bo ritmo, pero a partir de aí, cambiou un pouco o tema. O obxectivo foi entón rematar as etapas e facer quilómetros. Falábase de que o duro serían as cinco primeiras etapas e, a partir de aí, a cousa suavizábase un pouco. Nada máis lonxe da realidade: foi moito máis duro. Cando entramos en Bolivia, complicouse co barro, na navegación... En Arxentina coas dunas... Falamos de probas de 800 e 900 quilómetros. Había días que se quedan pilotos de camións, coches e motos polo camiño.

-Houbo pilotos expertos, incluso campións do Dakar, que se queixaban da dureza do trazado. ¿Pensou en abandonar?

-Non, para nada. Foi un revés, tiven que parar porque se me durmían os dedos da man, que se me bloqueaba. O primeiro que facía ao rematar cada etapa era ir ao campamento médico. Grazas aos dous fisioterapeutas que me trataban cada día logrei rematar.

-E para colmo, os problemas mecánicos.

-Si, cos depósitos de gasolina. Empecei a ter fugas tanto no dianteiro como no traseiro, precisamente na etapa máis dura. Desmontei a moto antes de saír e, entre que reparei e esperei a que secasen os produtos e volvín a montar xa saíran todas as motos. A min aínda me quedaban 500 quilómetros. Saín detrás dalgún coche e intentei dosificar os consumos. Cando quedaba sen gasolina botaba unha reserva que levaba na mochila e as seis botellas de auga cheas de gasolina. Con iso e coa que che daban os lugareños dos seus coches fun tirando. A xente colaborou moito comigo nese sentido. Ninguén me quería cobrar, pero todo o mundo quería fotos a cambio, pero mereceu a pena.

-Había que buscarse a vida.

-Non quedaba outra. Ías por desertos, por trazados moi complicados, había que estar pendente de todo, había incerteza.

-¿Como condicionou a lesión?

-A partir da lesión a clasificación pasou a un segundo plano. Cada día converteuse nun reto de supervivencia. O Dakar é unha carreira moi ingrata, un día estas arriba, e outro, abaixo. Antes da lesión ía sempre entre os 60-65 primeiros, pero todo iso cambou cando tiven o da man e a fuga nos depósitos.

-¿Cantas horas durmía cada día?

-Unhas tres horas.

-Vexo que adelgazou.

-Hai un desgaste físico e psíquico brutal. Rematar un rali nesas condicións para min foi una lotería porque tiña moitos boletos para non rematar.

-¿Que prefire, o Dakar por África ou por Sudamérica?

-A diferenza básica é que en África é máis xenuíno, ten máis maxia, é máis solitario. En Sudamérica se non fose por os lugareños non podería rematar porque non tería gasolina para chegar.

-Con que etapa se queda?

-Tal vez coa que rematei cando tiven a avaría. Foi importante porque se fun capaz de rematar aquela etapa podía enfrontarme a todo o que viñera por diante.

-¿Pensa repetir o ano que vén?

-É moi complicado responder agora. Quero gozar do momento e hai que poñerse a traballar. É case máis complicado conseguir os patrocinadores que o propio Dakar.