«A investigación que se fai en Galicia é de alto nivel, e con poucos recursos»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

SANTI GARRIDO

Natural de Baio, recibe hoxe co seu grupo o premio da Real Academia Galega de Ciencias

24 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Sánchez Andújar naceu en 1973 nunha zona de Baio Pequeno, na intersección co Chamberín, de xente de moitos saberes: en moi poucos metros, case pegadas as casas, están as de Labarta Pose, o xeneral médico Ovidio Vidal Ríos, Jorge Mira e a súa, que en Baio se coñece como a de Outeda. Manuel é profesor titular da área de Química Inorgánica na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, na que imparte clases de Ciencias de Materiais e Química Inorgánica.

É membro dun grupo de investigación no que participan profesores da súa facultade, pero tamén da Politécnica de Ferrol (pertence igualmente á UDC) que recibiu un premio da Real Academia Galega de Ciencias. Xustamente hoxe é o día no que o recollen. En Santiago, ás 19.00 horas. Ese galardón recompensa un descubrimento, un material que podería sustituír aos actuais materiais de refrixeración, e contaminando moitísimo menos, reducindo drasticamente o efecto invernadoiro, de aí que ás veces se lle chamen «neveiras ecolóxicas», por ser ese o seu principal destino, pero tamén se podería empregar nos aires acondicionados, entre outros elementos. Un avance importante, en todo caso.

-¿Como se podería explicar o se traballo?

-As neveiras, para enfriar, ao igual que os aires acondicionados, usan uns fluídos, líquidos ou gases, para xerar ese frío. É un problema para o medio ambiente, polo efecto invernadoiro: unha molécula destes gases equivale a mil moléculas de CO2. Tanto é así que existe unha directiva europea que obriga a buscar alternativas a partir do 2020.

-É aí entran vostedes.

-Si, unha desas alternativas é quitar eses fluídos e poñer un material sólido, que evita eses problemas medioambientais, e que tamén logra o efecto refrixerante. O noso dá un resultado moi aceptable.

-¿Estamos falando unha revolución?

-O tema é que a nivel de laboratorio os parámetros funcionan moi ben, pero a nivel práctico podería haber problemas. Nós logramos que o ministerio nos concedese un proxecto para comprobar precisamente o comportamento destes materiais, facendo un prototipo e vendo como funciona, se se deforma ou non coa presión... Non estamos falando de que isto se vaia facer dun día para o outro, leva o seu tempo. No laboratorio vai moi ben, a ver o prototipo.

-¿Ten máis vantaxes?

-O custe, que é outra das nosas novidades. Ata agora estaban empregándose aleacións e gases, que custan máis. O noso é barato en material e compoñentes.

-¿E isto non ten máis repercusión?

-Si que ten, pero no noso ámbito. En abril do ano pasado publicamos xa en Nature Communications todo isto. O curioso é que buscabamos outros materiais e apareceron estes.

-Polo que se ve, as cousas que se fan en ciencia en Galicia están ao nivel doutros lugares.

-Si, a investigación científica que se fai en Galicia é de alto nivel, e ademais con moi poucos recursos. Somos moi apañadiños. Falo de nós, pero non só nós. Hai grupos moi bos. Xeralmente, o que se publica en Nature Communications con colaboracións con equipos doutras universidades. Neste caso, non: toda xente da Universidade da Coruña. Hai ademais algunhas empresas interesadas, xente que pensa que o noso proxecto ten moito futuro,

-E que tantas veces pasa desapercibida.

-Exacto. O problema que temos, en xeral, é que non se comunica de todo ben o que se fai en investigación, e fanse cousas moi importantes e moi boas, que non se dan a coñecer ao gran público e que se escapan.