«Enterrar o purín cunha grade produce resultados similares aos da inxección»

V. Couto / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

GUSTAVO RIVAS

O enxeñeiro Juan Castro Insua, investigador do CIAM, cree que as medidas da UE deberían adaptarse ás particularidades de cada territorio

18 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O enxeñeiro Juan Castro Insua, do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo (CIAM) , participou esta semana na sección Voces do Agro, de Radio Voz Bergantiños, onde abordou a problemática da nova lexislación europea que obriga aos gandeiros a inxectar o purín, e non a esparcilo, como se veu facendo nos últimos decenios. Explicou, ademais, que dende o centro observan unha saturación do terreo: «Estamos aplicando nutrientes de máis no solo, poñendo abonos químicos por enriba dos orgánicos e provocando a súa saturación».

-Cabe ter en conta que o purín é un recurso, non un residuo.

-Evidentemente. Aquí, en Galicia, sempre se apostou pola unión entre gandería e agricultura, xa que se complementan unha á outra: o abono empregado para os cultivos provén na maioría dos casos da gandería de vacún.

-No CIAM, ademais, reiteran o gran aforro económico que supón empregar estes fertilizantes.

-Se se emprega a cantidade necesaria de abono orgánico non hai necesidade ningunha de acudir aos químicos. Así, Galicia está preparada para desenvolver unha agricultura sostible polos grandes recursos que nos dan as explotacións, entre eles a materia orgánica, un elemento que os químicos non poden aportar. Neste sentido, é fundamental a fixación do carbono no solo para a súa boa saúde e a súa fertilidade a longo prazo.

-Moito se fala estes últimos días da nova normativa referente ao método de aplicación do purín.

-Pese a que no centro de investigación estudamos as técnicas máis avanzadas, para así analizar a súa rendibilidade de cara ao gandeiro, nunca temos recomendado a inxección. Os efectos medioambientais logrados con esta maquinaria pódense conseguir igualmente enterrando o xurro cunha grade de discos despois de aplicalo. Estudos que temos realizado indican que, se se enterra nun máximo de catro horas, redúcese a emisión de amoníaco a niveis similares aos logrados coa inxección. Ademais, este novo sistema non se adapta ás características do terreo galego, que ten pendentes e pedras.

-Porén, semella inminente a aplicación desa normativa.

-Esta medida non está incluída na lexislación que marca as boas prácticas medioambientais, parece como se fose un parche de última hora, xa que en España fixéronse mal os cálculos e superáronse os niveis de emisión. A UE leva advertindo dende hai tempo que hai que baixar os niveis de amoníaco, e non se fixo. Tamén hai que ter en conta que, ademais dos residuos orgánicos porcinos, tamén os abonos químicos colaboran nestas emisións, sobre todo a urea. Neste sentido, non se tomou ningunha decisión respecto ao regulamento no uso desta sustancia, ou na súa substitución por outro tipo de abono menos contaminante.

-Tamén entran a colación as granxas porcinas, non só o vacún.

-Se queremos reducir os niveis de emisións en España, non creo que teñan que ser os gandeiros de leite galegos -nin da cornixa cantábrica en xeral- os primeiros en actuar, xa que estes levan reducindo nos últimos anos o número de cabezas de gando. O porcino, en cambio, aumentou de xeito espectacular, sobre todo en Aragón, que pasou de dous millóns de cabezas no 1990 a case oito millóns no 2015, e tamén en Cataluña, onde se duplicou. Creo que en cada rexión se deberían adaptar estas medidas ás súas particularidades.

-¿Que plans se deberían levar a cabo aquí, en Galicia?

-Pois aumentar a capacidade das fosas e, sobre todo, poñerlles unha cuberta. Temos que facer unha boa xestión dos nutrientes que nos dan as granxas e, para iso, temos que ter capacidade de almacenamento. O ideal serían uns cinco ou seis meses, aínda que depende moito das particularidades de cada explotación.