Nin esquilmado nin desaproveitamento dos nosos recursos

Samuel Lago Ozón A OPINIÓN DO EXPERTO

CARBALLO

03 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cgran reto do noso tempo no que a xestión do territorio se refire é sen dúbida lograr compatibilizar o desenrolo sostible co mantemento da paisaxe, e a ferramenta da que dispoñemos é unha xestión ambiental adecuada.

É imprescindible xerar riqueza e emprego para fixar poboación, sendo esta a gran eiva do mundo rural nos últimos anos, ben sexa pola baixa natalidade ou pola elevada emigración cara ás cidades ou zonas máis prósperas. Para acadar este obxectivo non existen receitas máxicas, aínda que si sabemos que é necesario manter a paisaxe, potenciar o turismo, a agricultura, as actividades de ocio, os servizos… Pero tamén debemos saber sacar proveito dos abundantes recursos naturais de que dispoñemos en sectores estratéxicos e con gran potencial como son as enerxías renovables: xeran ingresos privados e públicos, incrementan o valor dos terreos, crean emprego, e non contaminan. E ademais todos somos consumidores de enerxía. Entre elas cabe destacar, polo seu peso na comarca, a enerxía eólica.

A ninguén se lle escapa que non todo son vantaxes, pois os xeradores eólicos causan un impacto ambiental, que debe avaliarse e minimizarse sen comprometer a viabilidade do proxecto. Deben de buscarse as mellores localizacións tendo en conta tanto factores de produtividade como ambientais, sempre preservando aqueles espazos que presenten un alto valor ecolóxico. Non podemos esquilmar os nosos recursos naturais, pero tampouco desaproveitalos.

A Administración autonómica é a competente na materia e debe ser moi estrita, non someterse ás presións dos lobbies da industria eléctrica, e informar debidamente ós afectados. As Administracións locais tamén xogan un papel determinante no proceso de implantación, velando polos intereses propios e polos dos veciños, polo que debería participar activamente en todas as fases da tramitación, podendo facer valer os seus criterios.

Non existen moitas alternativas e parece pouco probable que algunha vez sexan compensados economicamente os habitantes do rural pola súa labor de coidadores da paisaxe, que sería o xusto.

En definitiva, considero que debemos compatibilizar a implantación de parques eólicos coa conservación ambiental, e que é sumamente importante que os concellos participen e sexan tidos en conta en toda a tramitación administrativa dos mesmos.