«Ver o mar de Razo dáme dous anos de vida, alí vexo as cousas claras»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A científica do Max Planck pasa o Nadal na súa casa de Vivente, en Ardaña-Carballo

31 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Karina Pombo García é de Vivente, Ardaña. Este Nadal foi especial, ademais de por disfrutalo na súa casa e coa familia, por celebrar os 30 anos. O resto do ano vive en Dresde, Alemania, dende hai seis anos, onde traballa no instituto científico Max Planck, un dos máis prestixiosos do mundo en investigación, dende hai case 15 meses. Karina, licenciada en Farmacia pola USC, é doutora en Ciencias Naturais e Químicas. Foi científica visitante en Harvard e no MIT estadounidense.

-Segue en Dresde. ¿Mantén as mesmas liñas de investigación?

-Non exactamente. Antes traballaba en nanopartículas para diagnose de cancro, e agora microscopía para visualizar aspectos a nivel celular que tamén nos axudan a entender os mecanismos de algúns tipos de cancro. Agora, microscopía e xenética. E antes, materiais e química. Foi un pouco arriscado, e aí estou. Seguirei en Dresde polo menos un ano máis, ou dos. ¡Ou tres!

-Leva xa uns días en Galicia, e axiña volverá ao país no que traballa. ¿Fixo algo especial nestas vacacións?

-Si. Visitei algúns colexios. Estiven cos nenos de sexto curso do Canosa-Rus, no que eu estudara. É un colexio moi bo, quedei impresionada co nivel, que xa sabía que era bo. Vin moito interese pola ciencia. Inauguraban a biblioteca e chamáronme. Foi unha experiencia moi boa que espero repetir. Creo que lle gustou. Xa houbo xente que me dixo que a vindeira vez, cando veña, vaia a tal centro. Ensineilles un experimento doado: extraer o ADN dun plátano. Gustoulles e participaron. Está ben ver que aos nenos lles gusta ter contacto cunha científica. En Rus non había experiencias deste tipo, falando de ciencia a nivel xeral. Sei de nais que comentaron que os rapaces chegaron á casa todos emocionados, dicindo que querían ser científicos. Foi unha gran experiencia.

-Vai ter que repetir.

-Vou intentalo facelo máis.

-Igual lle acaba gustando a divulgación.

-Seguro. É importante que o noso labor se coñeza entre os nenos. Todo o mundo pode facelo, pero igual un científico non o teñen tan a man. Transmitir o que é a ciencia. Eu sempre intento dar unha ou dúas charlas, pero facía máis ben a nivel universidade. Tiven unha xuntanza con mozos estranxeiros, que organiza a Fundación Barrié. Tamén dei unha charla no CIMUS de Santiago, onde empecei o meu máster. Tamén me gustou moito.

-Daquela, vacacións con traballo.

-Si, e con nenos e maiores. Moi ben. Atráeme a divulgación científica, xa o levo facendo moitos anos, pero non creo que me queira dedicar profesionalmente. Aínda que non se pode dicir que non vai pasar. Quen sabe. Mesmo hai becas a nivel europeo. En Alemania está moi á orde do día. Eu dedícolle un 10 ou 20 % do tempo.

-¿Vir a Ardaña é unha necesidade?

-Si, claro. Totalmente. Sempre intento vir, empaparme de enerxía para o resto do ano. E ver o mar, que é o que máis boto de menos. Cando chego aquí, vou. O meu mar é Razo. Ir alí dáme dous anos de vida. Vexo as cousas moi claras. Vou cunha libretiña, penso. Dende sempre. Agora, máis. Calquera mar da Costa da Morte gústame, pero Razo, polo sentimento, máis.

-¿Aproveita o Nadal para algo especial?

-É un momento importante. Cargas as pilas. No verán é outra actitude. É máis familiar. Hai outras declaracións de intencións, facer isto, mellorar o outro...

-¿A vida en Alemania, como é? ¿Moi dura?

-No, está ben. Se viñera máis a Galicia estaría mellor, pero alí estase ben. Eu estou moi contenta e encantada. Non quero xeralizar, pero no meu caso non teño queixa, aínda que é diferente.

Para cotillas

Como sobremesa por excelencia do Nadal, ¿turrón de améndoas ou de chocolate? Suchard. Sempre, mesmo alá. Lévamo miña nai. Ata veu a Australia.

¿Se tivese que escoller entre viño branco ou tinto? Branco. Albariño. Tamén en Alemania.

¿Que prefire como prato principal para a cea de Noiteboa: carne ou peixe? Pescado. Na nosa casa sempre se fai marisco, que mercamos en Caión; ameixas e vieiras. Nese día, marisco, pero como moito pescado no Nadal.

¿Come as uvas na casa ou fóra? Na casa, sempre. De toda a vida. Se estou aquí, sempre na casa. Pasei algún fin de ano lonxe, e foi moi distinto.

¿É máis de Papá Noel ou dos Reis Magos? Era de Reis Magos, pero dende que estougfóra, e non estou en Rei, prefiro das os regalos en Noiteboa, por necesidaded de datas.

¿Algún prato típico destas festas polo que sinta predilección? A tortilla. Desfeita. Con patacas e ovos de miña avoa. Ata ma levan ao aeroporto cando me veñen a buscar. Hai máis xente á que lla levan.

¿Árbore ou nacemento? Árbore. Tamén a poño en Alemaña.

¿Envía ou envíanlle postais de Nadal? ¿Ou xa é todo por correo electrónico e whatsapp? Non é excusa, pero ultimamente ando moi liada, e todo é máis dixital. Pero intento ter un día para enviar millóns de emails, que esta vez foi tocou facelo este venres.

¿Fais moitos regalos? ?E recibe? Si, tanto os fago como os recibo.