Youtubeir@s: o galego, á conquista de YouTube

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

xoan a. soler

A segunda edición deste proxecto, no que participa o Concello de Carballo, foi presentado onte

01 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os servizos de normalización lingüística de nove concellos -Carballo, A Baña, Ames, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove-, as tres universidades e máis a Deputación da Coruña uniron forzas para lanzar a segunda edición do proxecto Youtubeir@s, presentado onte na facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. O conxunto de acción englobadas nel son darlle visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande, YouTube, incrementando así a súa presenza. Pretenden, pois, fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dende esta plataforma e os seus referentes, os youtubeiros.

Nos premios creados ao abeiro do proxecto, que incluirá tamén formación con Ila Bufarda, poden participar maiores de 14 anos con vídeos de opinión ou titoriais autoproducidos en galego e subidos a YouTube en data posterior ao 28 de abril do 2017, sen restricións de prioridade e figurando na descrición #youtubeiras #youtubeiros. En total, repartiranse en galardóns 5.000 euros, distribuídos en máis categorías que o ano pasado: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e premio do público. Este último, #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades do ano: usuarios de Facebook poderán propoñer cun comentario, no perfil de Youtubeir@s, un vídeo do que sean seareiros. Na presentación de onte, entre outros, estivo presente a coordinadora do proxecto, Mónica Fernández; a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, ou o edil carballés Xosé Regueira.