Porto da Fame

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

01 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días estiven repasando a vida de Pedro Sarmiento de Gamboa, un navegante pontevedrés da época dos descubrimentos que daría non xa para unha película, senón para unha serie enteira.

Sarmiento de Gamboa combinaba, como era habitual no século XVI, a curiosidade científica -era cosmógrafo, astrónomo, navegante e escritor- cun gusto polo marabilloso e o extraordinario. Chegoulle a contar a Lord Burghley, primeiro ministro da raíña Isabel de Inglaterra, que el descendía do primeiro home que trouxera a viña a Galicia nos tempos do patriarca Noé (esas pantasmadas eran habituais nos fidalgos galegos). En Perú a Inquisición procesouno porque collera sona de astrólogo, rematando por saír máis ou menos ben parado, aínda que non sei se convencido da ortodoxia.

Este navegante foi o primeiro fundador de colonias no Estreito de Magallanes, na Patagonia. Debía ser terra tan dura que aínda hoxe, véndoa no Google Maps, mete medo.

Aquelo acabou coma o rosario da aurora. Case todos os colonos morreron de fame ou ataques indios. Din as crónicas que «coma cans». Aínda hoxe coñécese o lugar como Porto da Fame.

Case toda a oficialidade dos barcos da expedición eran biscaíños, como era habitual, pero un chamoume a atención: o capitán Pedro de Aguiño, ao cargo da nao Santa María de Begoña.

Verifiquei por se podía ser un vasco escondido, pero todo parece indicar que este navegante na fin do mundo naceu vendo Sálvora e comendo polbo da Arousa.

Cantos coma el terán participado da aventura dun novo mundo!